Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG leva ao parlamento o desmantelamento do FEVE na Mariña e pide a súa transferencia a Galiza

Santiago de Compostela, 28 de Marzo 2017.- O BNG vai levar ao próximo pleno do Parlamento a situación de progresivo desmantelamento do tren RENFE-FEVE, na liña que comunica as comarcas de Ferrolterra e A Mariña que ao longo das últimas semanas mesmo ten deixado en terra e sen alternativa a usuarios e usuarias do servizo.

“É evidente o progresivo desmantelamento ao longo destes anos e agora temos a estocada final da supresión dos 12 millóns de euros para o mantemento das vías, que non se van executar e, vimos tamén como nos últimos días se foron suprimindo a maior parte dos servizos”, argumentou a deputada por Lugo, Olalla Rodil, tras a reunión da xunta de portavoces para fixar a orde do día do vindeiro pleno.

A deputada nacionalista xa avanzou que o Bloque vai pedir a transferencia a Galiza da xestión desta infraestrutura, da que tamén destacou o seu potencial para o transporte de mercadorías, ademais de ser un elemento de cohesión territorial.

“É inadmisible que esteamos asistindo ao desmantelamento do FEVE cando Alcoa podería beneficiarse co transporte de 350 toneladas de placa de aluminio que saen en dirección a Euskadi desde a planta da Mariña, ou a mercadoría que mobiliza o sector madereiro do norte de Galiza cunha 36.000 toneladas de madeira”, explicou.

Polo tanto, o BNG vai esixir investimentos por parte do Ministerio de Fomento e tamén que se transfira á Xunta a xestión desta infraestrutura.

Igualmente, a deputada salientou que vai preguntar polo destino da antiga residencia de Lugo, en relación ao futuro desta edificación cedida no seu día á Xunta para servizos sanitarios hoxe transferidos a centro hospitalario. “O que se sabe é a pretensión de destinar este inmoble a sede da comisaría de policía de Lugo”, indicou.

Rodil criticou que a negociación do destino deste inmoble fose partidariamente utilizado polo PP para promover aos seus responsables políticos en Lugo. “Curioso que nas negociacións estaban non só o conselleiro de Facenda do Goberno galego, senón tamén a portavoz do PP na Deputación de Lugo e o portavoz popular no Senado. Non nos parece correcto que se utilice unha reunión entre o goberno galego e o estatal pra facer propaganda electoral para a señora Candia e o para o señor Barreiro”.

En todo caso, o BNG preguntará ao Goberno en sede parlamentaria se van a manterse os servizos sanitarios na antiga residencia “que son tan necesarios para cubrir as necesidades da poboación que vive no barrio de Lugo onde está ubicada”, concluíu.

Exit mobile version