Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG rexistra moción no concello de Burela para crear o servizo de fisioterapia no Centro de Saúde de Burela

Burela, 24 de Marzo de 2017. Este Venres 24 de Marzo o voceiro de BNG en Burela ven de presentar no rexistro do concello de Burela moción relativa á creación do servizo de fisioterapia para o Centro de Saúde de Burela.

Foron as queixas veciñais as que fixeron que os nacionalistas se interesaran pola carencia deste servizo no centro burelao. “Despois de recibir informacións por parte dos veciños da situación, quixemos coñecer de primeira man cal era a realidade para ver que podíamos facer. Con esta moción reclamamos que se poña en marcha o servizo, necesario para moitos usuarios do Centro de Saúde” sinalou Mario Pillado, voceiro do BNG en Burela.

Débese ter en conta que tanto os burelaos coma os veciños do concello de Cervo, non poden acudir a centros de saúde da contorna, coma os de Ribadeo, Foz ou Viveiro, que si que contan co servizo de fisioterapia, “como non son usuarios adscritos a eses centros de saúde non teñen tampouco esa posibilidade polo que quedan sen sesións de fisioterapia, aínda cando lles son prescritas tanto en atención primaria como no servizo de traumatoloxía do Hospital da Costa” destacou Pillado.
Os nacionalistas instan a Concello e Xunta a dar unha solución.

Dada esta situación, dende o BNG queren mediante esta solución que as institucións que teñen competencias e intereses neste asunto poñan solución ó mesmo. E estas non son outras que a Xunta de Galiza e o Concello de Burela, as que teñen que xestionar para crear e dotar de instalacións e profesionais o servizo de fisioterapia no Centro de Saúde de Burela.

“Está claro que as competencias tenas a Xunta de Galiza mediante a Consellería de Saúde e o Sergas, pero o Concello de Burela tamén debe facer as xestións oportunas para que todo isto se leve a cabo, posto que está en xogo o benestar e o interese común dos veciños de Burela.” Rematou o voceiro nacionalista.

Exit mobile version