Site icon Crónica3.com A Mariña

O Brexit e o futuro da pesca serán algúns dos temas que se aborden nas xornadas técnicas de Expomar, que terán lugar os días 26 e 27 de maio

Burela, 23 de marzo de 2017. A comisión organizadora da Feira Expomar mantivo unha xuntanza para elaborar o programa das xornadas técnicas que se celebrarán os días 26 e 27 de maio. Entre os temas a tratar figuran o Brexit e o futuro da pesca. Estas mesas de traballo serán moderadas por María do Carme García Negro e Pablo Fernández Asensio, segundo deu a coñecer este mediodía o alcalde burelés e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano.

Llano contou que “tivemos unha sesión ordinaria da comisión organizadora de Expomar 2017. Estamos trallando basicamente nas xornadas técnicas e no encontro empresarial porque o resto, o referidos aos stands da feira, sabemos que está practicamente completo todo o recinto que imos ter na nave de redes para facer esta nova edición da Feira Exposición Náutico Pesqueira aquí en Burela”.

O rexedor burelés anunciou que “as xornadas técnicas serán os días 26 e 27 de maio. A do 26 vai levar como tema xenérico o Brexit e os descartes do peixe. Vai ser a moderadora María do Carme García Negro, que xa ten vido moitas veces ao noso concello, e van estar case fixo Alberto Manuel López-Asenjo, que é o secretario general de Pesca do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, e tamén temos confirmada a Mercedes Rodríguez Moreda, que é Directora Xeral de Pesca, ademais de compañeira e veciña da Mariña. Fáltanos por confirmar outra persoa para que complete esta primeira xornada. Estábamos falando de Sobrino Heredia, que xa estivo noutras xornadas, para falar do Brexit, que é catedrático e entende ben todo este tema para que nos fale das novidades”.

Alfredo Llano engadiu que “o segundo día temos decidido os temas a tratar que en xeral versarán sobre o futuro da pesca. Falaremos da trazabilidade, da cadea de valor, da comercialización, das tendencias do consumo e de cómo se poden aproveitar os descartes. Aínda que temos moita xente interesada estamos a consensuar qué tipo de personalidades queremos traer, pero non temos confirmado ao cen por cen quen vai formar parte. Sabemos que o moderador vai ser Pablo Fernández Asensio, pero os poñentes concretarémolos na vindeira reunión que imos ter o día 4 de abril. Para complementar todo vai haber o encontro empresarial no que o sector marcará os temas que van tratar”.

Exit mobile version