Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela sacará a concurso unha praza de técnico de xestión medioambiental, tras o visto bo da mesa de negociación

Burela, 28 de marzo de 2017. O Concello sacará a concurso unha praza de técnico de xestión medioambiental, tras o visto bo da mesa de negociación, que se reunía nas últimas horas. No encontro tamén se falou das horas extras, segundo contou o alcalde, Alfredo Llano.

O rexedor burelés declarou que “celebramos unha mesa de negociación, a verdade é que desde que estamos nosoutros no equipo de goberno, facémolo coa asiduidade e periodicidade suficiente como para concretar e traballar sobre temas que preocupan tanto aos traballadores como ao propio Concello”.

Alfredo Llano salientou que “tivemos unha xornada que para min foi positiva e penso que para os representantes dos traballadores tamén, en dous puntos concretos. Un deles foi que nosoutros necesitamos aquí un técnico de xestión relacionado con asuntos de medio ambiente, que é do grupo A2. É unha praza que queremos sacar a concurso o antes posible porque é moi necesaria no Concello de Burela. Houbo que pasar pola mesa xeral de negociación para que fose informada da nosa pretensión de ocupar esta praza o antes posible. Non houbo ningún problema en facer unha modificación puntual da relación de postos de traballo para incorporar esta nova praza ao noso Concello. Imos ter que levar ao pleno da próxima semana a dotación económica para esta praza, pero realmente o que nos importaba era que se puidera sacar o antes posible, e cando se poida vaise facer. É unha praza moi importante para o noso concello porque os temas de medio ambiente agora mesmo son moi demandados”.

O alcalde engadiu que “tamén tivemos a oportunidade de traballar sobre o artigo 46 do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario e laboral do Concello de Burela. Refírese ás gratificacións por servizos extraordinarios, horas extras que nos van facer falta como contemplalas e chegar a acordos. Estivemos establecendo as propostas das dúas partes, dos traballadores e do equipo de goberno, e ao final chegamos a un acordo aprobado polas dúas partes que vai ser o que vai rexer a partir de agora o pago das horas extraordinarias e como facelas. Consideramos que hai moitas veces por razóns de servizo, xa non digamos os urxentes, por motivo de festas ou de actos que é necesario saírse do horario laboral, entón é necesario regular o pago destas horas extraordinarias. Penso que se van poder aplicar inmediatamente que se aproben no pleno ordinario. A ver se da tempo que vaia para o do mes de abril e se non iría no do mes de maio”.

Alfredo Llano anunciou que “o pleno correspondía realizarse o último xoves de cada mes e neste mes de marzo era o día 30, pero por ter a reunión da mesa de negociación onte, día 27, pasámolo para o día 6 de abril. Dado que había que tratar un punto nesa mesa de negociación que era vinculante para levar ao novo pleno, por esa razón trasladámolo ao día 6”.

O rexedor lembrou que “xa está contemplado na normativa, nos acordos que tomamos no Concello cos diferentes grupos políticos, que en caso de que non se poida realizar o pleno ordinario na data especificada, pode pasar ao xoves seguinte, por iso imos pasalo ao día 6 de abril e non hai problema ningún en facelo así”.

Exit mobile version