Cervo, 7 de marzo de 2017.- O Concello de Cervo vén de emitir un bando no que convoca aos apicultores do municipio a unha serie de reunións para abordar a problemática da velutina.
Os encontros serán o mércores ás 18:00 horas na Escola de Rúa, ás 19:00 horas na Escola de San Román, ás 20:00 horas no local social de Trasbar, e o xoves ás 18:00 horas no salón de plenos do Concello de Cervo e ás 19:00 horas na Casa do Mar de San Ciprián.
Neste senso o alcade de Cervo, Alfonso Villares, sinalou que “esta nova xuntanza responde a unha liña de traballo continuista que vimos levando a cabo dende o Concello de Cervo, co fin de brindar apoio e información aos nosos veciños, en todo o que estea ao noso alcance, sobre a problemática da vespa velutina no noso municipio”.
Deste xeito -engadiu- “na reunión que mantivemos vai un mes en San Román con este sector, os asistentes constataron que as diferentes actuacións que se levaron a cabo nos últimos anos dende o Concello foron positivas, xa que, en liñas xerais, percibiron que a presenza da velutina diminuiu considerablemente, respecto a tempadas anteriores”
De feito, os datos que temos así o avalan xa que “nos últimos catro anos, o Concello retirou case 500 niños, 288 deles no ano 2015; sen embargo no 2016 retiramos 66 niños”.
Pero, aínda que en menor medida, o problema segue a estar ahí e temos que seguir a incidir nese camiño para protexer o traballo dos nosos apicultores e tamén das abellas, e neste caso, tal e como se acordou nesa primeira xuntanza, comezamos a traballar dende xa, nesta primavera e de xeito coordinado, na instalación de trampas para capturar ás raíñas.
Este será -engadiu Villares- “un dos aspectos que abordaremos nestas xuntanzas, e, de feito, dende o Concello comezaremos a dispensar de balde durante eses encontros, atraíntes de balde aos apicultores para loitar contra esta especie invasora”.