Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo entregou composteiros de balde aos veciños que o solicitaron

Cervo, 2 de marzo de 2017.- O Concello de Cervo vén de entregar unha decena de composteiros aos veciños que así o solicitaron.

Ao acto, que tivo lugar esta tarde no salón de actos do Concello, asistiron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez e o edil de Medio Rural, Plácido Pérez.
Trátase dunha campaña de compostaxe doméstico que a concellería de Medio Ambiente vén desenvolvendo periodicamente dende o ano 2010, e, a día de hoxe, xa son máis de 170 as familias que contan con este recipiente nos seus fogares.

Villares destacou que esta inciativa é unha das liñas da estratexia ambiental que vimos desenvolvendo dende o Concello, neste caso pretendemos fomentar a autoxestión dos residuos orgánicos, co que conseguimos un compost ou fertilizante natural de alta calidade para a nosa terra e as nosas plantas, ao tempo que reducimos a xeración de lixo que iría ao contenedor convencional, contribuíndo así coa protección do medio ambiente”.

Dende o Concello –engadiu- pretendemos cubrir todo o proceso deste programa que vai dende “a entrega gratuíta dos composteiros, a formación e apoio aos usuarios na posta en marcha, así como o posterior asesoramento en todo o que precisen, co fin de que a experiencia sexa gratificante en tódolos aspectos. Ademais dende o Concello, facemos un seguemento anual, para comprobar que os usuarios están a facer un uso correcto dos composteiros”.

Pola súa banda, a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, destacou que “a concienciación ambiental está calando cada vez máis entre os nosos veciños, xa que o número de usuarios medra ano a ano, hoxe xa son máis de 170 as familias adscritas a este programa de compostaxe doméstico” (165 ata hoxe, máis as 10 novas incorporacións).

No acto, o edil de Medio Rural, Plácido Pérez, explicou de xeito práctico aos veciños o funcionamento dos composteiros que levaron cara os seus fogares.
Villares incidiu nas multiples vantaxes da compostaxe doméstica “coa que contribuímos a reducir o volume global dos residuos, minimizamos o excesivo uso de fertilizantes químicos, reducimos a frecuencia de recollida dos contenedores xenéricos por parte dos servizos municipais e , consecuentemente, o custo económico que supón para as arcas públicas a súa axeitada xestión e tratamento”.

Exit mobile version