Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo incorpora na piscina municipal un desfibrilador semiautomático, reforzando así os medios de atención ao usuario dos que xa dispón

220317 Desfibrilador piscinaCervo, 22 de marzo de 2017.- O Concello de Cervo vén de incrementar as dotacións da piscina municipal olímpica de San Ciprián cun desfibrilador semiautomático, reforzando así os medios de atención ao usuario dos que xa dispón.

Neste senso o alcalde de Cervo, Alfonso Villares sinalou que “aínda que sabemos que a súa implantación non é obrigatoria, consideramos e valoramos que sempre resulta positivo dispoñer dun aparello fixo nunha instalación deportiva como esta, que conta ademais con ximnasio e sauna, e que é utilizada a diario por un gran número de usuarios, sempre baixo a supervisión de persoal cualificado da propia piscina, na que ademais, hai moitas actividades dirixidas a persoas da terceira idade, máis propensas, en principio, a padecer unha doenza deste tipo”.

Este desfibrilador –engadiu- “súmase así a outros dous que van incorporados nos vehículos de emerxencias municipais, preparados para atender no menor tempo posible calquera emerxencia cardíaca que se poida presentar e cos que xa quedaba garantida a cobertura en todo o municipio”.

Dende o Concello -engadiu- “pretendemos seguir a apuntalar a seguridade e benestar dos nosos veciños, e por iso temos previsto incorporar proximamente un cuarto desfibrilador no complexo deportivo da Veiga, onde se atopa o Pavillón de Deportes, Campo de Fútbol e dúas Pistas de Pádel.

O desfibrilador instalado na piscina foi doado pola Fundación Alcoa e será manipulado por persoal municipal cualificado da propia instalación. Todos eles están en posesión da formación requirida nesta materia pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Exit mobile version