Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo xa habilitou as instalacións que albergarán o centro de artesanía de Sargadelos

240317 artesanía SargadelosCervo, 24 de marzo de 2017.- O Concello de Cervo está a dar pasos en firme para a posta en marcha do Centro de Artesanía de Sargadelos, que estará ubicado no edificio municipal das cabalerizas, situado no Conxunto Histórico Artístico, que acaba de ser rehabilitado.

Esta mañá o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, acompañado de membros do goberno, recibiu ao Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que supervisou os traballos que se levaron a cabo e que supuxeron un investimento de algo máis de 120.000 euros, 70.000 procedentes da Xunta de Galicia e o restante de fondos municipais.

Durante a visita, na que tamén participaron a directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, Villares trasladoulles que “o que se pretende é crear un centro de artesanía vivo, que sirva de impulso a todo o Conxunto Histórico de Sargadelos, referente do noso Concello, contribuíndo así a dinamizar toda esta zona tamén fóra da época estival, sumando así un atractivo máis a este enclave de excepción co que temos o privilexio de contar en Cervo”.

Segundo explicou o alcalde, a obra consistiu fundamentalmente no acondicionamento de seis locais para a instalación de obradoiros artesanais e a venda de produtos elaborados polos propios artesáns que ocuparán un edificio de 840 metros cadrados, no que se fixeron as correspondentes divisións interiores, a pavimentación dos solos, a cuberta dos patios exteriores, carpintería interior e exterior, instalacións de sanemeanto, fontanería e electricidade, pintura e urbanización exterior”.

Villares engadiu que “nesta actuación que hoxe visitamos vemos unha oportunidade de excepción para Cervo, e para o seu desenvolvemento económico, comercial e turístico, todo un estímulo que nos empuxa a seguir a traballar nesta liña e materializar por completo o proxecto nos vindeiros meses coa chegada dos artesáns”.

Exit mobile version