Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz pediu ao xulgado unha prórroga de 3 meses para abonar á empresa Gestagua a débeda de 1.078.000 euros, ao que lle obriga unha execución de sentenza

Foz, 7 de marzo de 2017. O Concello de Foz pediu ao xulgado unha prórroga de tres meses para abonar á empresa concesionaria do servizo municipal de auga, Gestagua, a débeda de 1.078.000 euros, ao que lle obriga unha execución de sentenza. Explicouno o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, despois da xunta de voceiros celebrada esta tarde e o rexedor destacou que nas arcas municipais hai liquidez económica suficiente para afrontar este pago.

Javier Castiñeira manifestou: “vimos de ter unha reunión importante da xunta de portavoces, na que participaron representantes de todos os grupos da corporación de Foz e máis o secretario, cun tema urxente, que é a elaboración do orzamento municipal deste ano en base a esa execución de sentenza que temos coa empresa concesionaria do servizo de augas, que é Gestagua. Nun prazo de poucos días tíñamos que ter pagado ese millón de euros, pero o Concello solicitou ao xulgado unha prórroga de tres meses para poder configurar os orzamentos municipais”.

O alcalde salientou que “o clima da reunión cos portavoces foi moi bo e serio, sabendo o que nos estamos xogando. Hai unha sentenza xudicial e loxicamente hai que darlle prioridade ao pago desta débeda de un millón de euros. Aos portavoces entregóuselles unha serie de documentación, entre a que figuran as existencias que ten agora mesmo o Concello, que ten liquidez suficiente para afrontar perfectamente ese pago. O único que hai que facer é xerar crédito no orzamento municipal deste ano. Entregóuselles tamén a execución da sentenza e a petición do Concello dunha prórroga ao xulgado de tres meses para sacar adiante os orzamentos. Tamén un borrador dos orzamentos que había inicialmente e sobre este documento que tíñamos xa practicamente consensuado, en base ás peticións que fixeran os grupos da oposición, agora hai que priorizar o pago dese millón de euros. Ademais entregouse o informe que fixo a consultora Eptisa con respecto a esa débeda, que a cuantifica en 1.078.000 euros”.

Castiñeira engadiu que “o resultado final, unha vez dadas as explicacións correspondentes, é que estamos todos de acordo en que hai que facer fronte a este pago nestes orzamentos e despois todas esas propostas que se fixeran para incluír nesas contas terán que levarse a cabo con cargo ao remanente que se tratará en próximos plenos. Pero no orzamento municipal deste ano, que se vai presentar o antes posible e ascenderá a uns 7.300.000 euros, loxicamente irá contemplada esa partida, que é prioritaria. Entendo que non haberá gran problema para aprobalo porque hai unha responsabilidade xudicial do pleno. E despois en próximas fechas analizaremos o que temos de remanente, por un lado, e por outro haberá que ver as partidas que podemos destinar con ese remanente a diferentes investimentos correspondentes ás propostas que fixeran no seu momento os grupos da oposición”.

Polo tanto o rexedor considera que foi “unha reunión moi produtiva e mañá mesmo a interventora porase a traballar nesas modificacións. Esperemos que nun prazo razoable, quizais neste mes, poidamos ter ese orzamento aprobado e en pouco tempo pagar esa cantidade de 1.078.000 euros que se adebeda á empresa concesionaria do servizo de auga”.

Exit mobile version