Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo realizará con fondos propios a terceira fase da eliminación de vexetación foránea e a plantación de especies autóctonas na beira da ría pola Vilavella e as aceas

Ribadeo, 21 de marzo de 2017. O Concello realizará a terceira fase de eliminación de vexetación foránea e de plantación de especies autóctonas na beira da ría. Esta actuación, que se levará a cabo entre a zona da Vilavella e As Aceas, ten un presuposto de 13.000 euros financiado con fondos municipais. O Concello convoca o procedemento aberto de contratación polo criterio de menor prezo e as empresas madeireiras interesadas poden consultar as bases no perfil do contratante da web municipal.

O alcalde, Fernando Suárez, contou que “actuaremos en toda esta zona da Vilavella e das Aceas na que levamos un tempo xa traballando para ir eliminando a vexetación de fora, o que son os eucaliptos que estaba inzado deles toda a beira nosa da ría de Ribadeo. Nestes últimos anos aproveitamos dúas pequenas subvencións da Consellería de Medio Ambiente da Xunta para ir eliminando e substituíndo a vexetación foránea pola autóctona”.

O rexedor manifestou que “agora queremos dar un novo paso, queremos facer unha terceira fase tamén nese entorno, para eliminar definitivamente todo o que resta, e polo tanto imos acometer esta terceira e definitiva fase en toda esta zona de extracción de vexetación foránea, e consecuentemente plantación do arborado autóctono como bidueiros, carballos, cerdeiras, espiños ou loureiros, da mesma maneira que fixemos nestas últimas fases”.

Suárez Barcia declarou que “para todo isto ciframos un presuposto que asumimos con fondos propios municipais, de aproximadamente 13.000 euros para unha superficie aproximada de dúas hectáreas, e con eses recursos temos que retirar toda esa vexetación, plantar as árbores autóctonas e colocar treitos de varanda de madeira. Para todo isto contamos con todas as autorizacións sectoriais dos diferentes organismos, que non foron poucos por certo, de Costas do Estado, Conservación da Natureza da Xunta, Estradas do Estado, Medio Rural e Consellería do Mar da Xunta”.

O alcalde ribadense engadiu que “agora o procedemento de contratación de toda esta actuación é aberto e o criterio será o de menor prezo, polo que todas aquelas empresas da madeira que queiran participar teñen toda a información no perfil do contratante da nosa páxina web, ou dentro de moi pouquiños días no Boletín Oficial da Provincia. Así que todo o mundo que estea interesado pode ver as bases e que se presente se o ten a ben”.

Exit mobile version