Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello reclama ante o Imelga a creación dunha praza de forense en Burela

Burela, 14 de marzo de 2017. O Concello envía unha carta ao Imelga (Instituto de Medicina Legal de Galicia) para reclamar a creación dunha praza de forense en Burela. O alcalde, Alfredo Llano, considera que a comarca debe contar con este servizo e insiste en que as autopsias deben realizarse no Hospital da Costa para evitar esperas innecesarias ás familias.

O rexedor dixo que “agora mesmo xa estamos tramitando desde o Concello de Burela o envío dunha carta ao Imelga solicitando aquí a presenza dun forense porque consideramos, e así se evidencia, que hai un déficit de atención dun profesional deste campo na comarca da Mariña”.

Para Alfredo Llano “A Mariña polas súas características demanda e xustifica perfectamente a presenza deste profesional. Na Mariña somos 16 concellos e entre todos sumamos aproximadamente 80.000 habitantes cunha serie de circunstancias que poden xustificar perfectamente a presenza dun forense, como poden ser a industria pesada que temos, a densidade de tráfico que hai por estas estradas, e tamén o mar que por si mesmo supón unha serie de riscos”.

O alcalde burelés lembra que “hai non moito tempo existía un forense asentado ben en Viveiro, en Mondoñedo ou incluso en Vilalba. Eu fun testemuña dalgún acontecemento que por desgraza tiveron que acudir os forenses, e na data do ano 2007 ao 2011, unha vez que houbera aquí unha desgraza de mariñeiros que viñeron ao porto de Burela, apareceron de maneira moi rápida. Sen embargo no último acontecemento que houbo na nosa localidade, na que por desgraza faleceu un veciño e o seu corpo e a súa familia estiveron na praia do Portelo tres horas esperando por un forense. Nesa situación viuse claramente o déficit deste profesional que temos aquí na Mariña”.

Alfredo Llano manifestou: “din desde a Xunta que agora faise moito máis rápido porque hai máis servizos mortuorios. Eu penso que é moito máis rápido tendo aquí o forense e o servizo das autopsias como se viñan facendo antes no Hospital da Costa. Non sei porqué razón se quitan. Non é certo que sexa máis rápido indo a Lugo, tendo aquí o forense evidentemente faríase todo moito máis rápido”.

O rexedor burelés quere “tamén salientar que A Mariña de por si é suficiente importante como para ter este servizo. Evidentemente nosoutros reclamamos que poida vir para Burela, pero pódese asentar en calquera dos outros concellos da Mariña. Penso que en Burela xustifícase en base de que aquí xa está o hospital e sería todo moito máis rápido. Cremos suficientemente xustificada esta reclamación”.

Llano considera que “tamén hai que reclamar e así se fará e insistiremos niso, na área sanitaria propia da Mariña porque todo isto ven derivado de haber unha centralización en Lugo e quitarnos moitas das oportunidades en servizos que tíñamos ata que se decidiu crear estas tres áreas. Nosoutros imos seguir reclamando porque cremos que é normal que se faga esa reclamación e ademais é un dereito moi ben gañado para todos os veciños e veciñas da comarca da Mariña”.

Alfredo Llano tamén reclamará ese forense e a realización das autopsias no Hospital da Costa a través da Mancomunidade de Municipios da Mariña, que el preside.

Exit mobile version