Site icon Crónica3.com A Mariña

O DOG publica a licitación da obra para a creación dun centro de interpretación na casa reitoral de San Martiño e o inicio do procedemento para a declaración como bic do castro de Fazouro

Foz, 8 de marzo de 2017. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, valora moi positivamente os anuncios publicados hoxe no Diario Oficial de Galicia para a licitación da obra na casa reitoral de San Martiño que se converterá nun centro de interpretación e, por outra parte, para iniciar o procedemento de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do castro de Fazouro.

O rexedor municipal anunciou: “hoxe temos no Concello de Foz moi boas novas onde ten que habelas, que é no Boletín Oficial de Galicia porque son compromisos escritos do goberno da Xunta de Galicia. Son dúas moi boas novas no eido cultural”.

Javier Castiñeira detallou que “sae publicada a licitación da obra para dotar a San Martiño de Mondoñedo, concretamente á casa reitoral, como centro de interpretación, tal como se avanzara hai uns meses no convenio asinado entre o conselleiro de Cultura e o alcalde. Ese compromiso empeza a ser xa unha realidade pois saen licitadas por 103.000 euros, IVE incluído, esas reformas que hai que facer na casa reitoral que xa pasou por unha rehabilitación, pero é necesario adaptala”.

O alcalde focense subliña que “é importante posto que despois desta licitación virá a do equipamento e a musealización e teremos o obxectivo final: un centro de interpretación de San Martiño de Mondoñedo atendido ao público. Xa temos dotado cunha guía ese servizo e polo tanto será o impulso definitivo para que San Martiño sexa un centro turístico pero tamén un centro cultural e relixioso importante na nosa comarca. Ese é un dos obxectivos e tamén, loxicamente, que as máis de 20.000 visitas que tivemos o ano pasado se transformen no dobre, como se ven facendo nestes últimos anos. Tratar de seguir chegando ao maior número de xente posible e seguir facendo xustiza co valor etnográfico, histórico, cultural e relixioso de San Martiño de Mondoñedo”.

Javier Castiñeira engade que “outra moi boa nova tamén, importante, noutro ben que temos no noso concello que é o castro de Fazouro, tamén sae publicado no DOGA o inicio da declaración de Ben de Interese Cultural para o Castro de Fazouro. Iniciase ese procedemento”.

O alcalde manifesta que “supoñemos que en pouco tempo o Concello de Foz poderá dispoñer de dous bens de interese cultural, un San Martiño de Mondoñedo, e nun futuro moi próximo tamén o Castro de Fazouro como un dos castros costeiros máis importantes de Galicia. Polo tanto moi boas novas culturais para o noso concello, e froito tamén dunha boa xestión e boa promoción do noso patrimonio que entendemos que é fundamental para que Foz siga sendo unha referencia neste senso en toda A Mariña”.

Exit mobile version