Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno levará a pleno a actualización dos prezos do hospital asilo de Ribadeo

Ribadeo, 14 de marzo de 2017. O equipo de goberno levará ao vindeiro pleno a actualización dos prezos do Hospital Asilo. O alcalde, Fernando Suárez, asegura se atende así unha petición realizada hai tempo pola congregación que xestiona o centro e subliña que as contías que os usuarios “son as máis baixas de toda a contorna”.

O rexedor manifestou que “en Ribadeo levamos tempo falando da residencia de maiores actualmente en construción, no que todo o mundo está e estivo a unha, todo o mundo agás algunhas malévolas mentes da Xunta de Galicia xunto con algúns corifeos de aquí de Ribadeo que asisten coitadiños a esa afrenta que nos fixeron e que nos fan a Ribadeo. En todo caso, neste camiño de obstáculos irémolos sorteando todos para que o remate das obras, o equipamento e a posta en funcionamento sexan realidade antes que despois”.

Suárez Barcia dixo que “non debemos esquecer que Ribadeo conta con outro edificio, neste caso o Hospital Asilo con outra xestión, neste caso dunha orde relixiosa, a congregación Marta e María, que por certo faino moi ben dadas as características do edificio e que a grande maioría dos usuarios e as usuarias se atopan nunha situación de dependencia moi elevada”.

O alcalde sinalou que “esta orde relixiosa tenos pedido, xa hai algún tempo, formalmente o incremento dos prezos que se cobran aos usuarios para poder equilibrar a situación de ingresos e gastos e facer sostible este Hospital Asilo, dado que hai que ter en conta que as súas únicas achegas son as dos usuarios e as usuarias, xunto con algunha axuda esporádica de alguén que lles quere botar unha man de vez en cando. No Concello pola nosa parte asumimos a maior parte dos gastos de subministro como poden ser electricidade, calefacción, obras de estrutura, etc…”.

Fernando Suárez explicou que “despois de que os técnicos municipais estudaran esta petición, esta situación imos levala ao próximo pleno para proceder á actualización dos prezos, de acordo co IPC acumulado desde o ano 2009, segundo establece a ordenanza reguladora. Así os residentes válidos pasarán a pagar de 600 a 668 euros, e os residentes non válidos de 800 a 891 euros. Con todo estes prezos seguen a ser os máis baixos de toda a contorna, tanto miremos para o sur, o leste ou u oeste, non hai ningún centro con prezos iguais ou inferiores a estes, incluso con esta suba do IPC acumulado deste tempo”.

O rexedor engadiu: “supoño evidentemente que estas decisións nunca gustan, pero fanse necesarias se queremos manter a continuidade do servizo. Si que queremos, porque coa nova residencia queremos que este Hospital Asilo siga prestando servizos, quizais con menos usuarios, pero sobre todo para aqueles que se atopen nunha situación de menor dependencia para os cales este centro, que por certo é moi céntrico, segue a ser moi válido”.

Exit mobile version