Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno levará ao vindeiro pleno a renovación do convenio con Acisa para os tres próximos anos

Ribadeo, 16 de marzo de 2017. O equipo de goberno levará ao vindeiro pleno a proposta de renovación do convenio con Acisa para os próximos tres anos, que conta cunha dotación de 14.000 euros para este 2017, no 2018 e no 2019.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, anunciou que “outra das propostas que queremos levar ao vindeiro pleno é a renovación do convenio marco de colaboración entre o Concello e a Asociación de Comerciantes para dinamizar o comercio de Ribadeo durante os anos 2017, 2018 e 2019. Isto supón unha proposta de confianza e de apoio económico para este sector tan importante que temos no noso Concello e penso que somos un exemplo onde moi poucos Concellos de toda a contorna, por non dicir de todo o país, manteñen cunha asociación de comerciantes como é no caso de Ribadeo con Acisa esta colaboración”.

O rexedor ribadense sinalou que “a proposta parte de 14.000 euros cada ano, neste 2017, outros tantos no 2018 e outros tantos no 2019, que supón un incremento con respecto ao anterior convenio, que era por un importe menor. Queremos facelo apoiándonos en tres eixos fundamentais, queremos ofrecerlles estes recursos económicos primeiro para fomentar a inter relación, hai un montón de aspectos que estamos facendo de común acordo que están indo razoablemente ben ou ben, como son os indianos, as actividades do Nadal coa pista de xeo, todos os eventos que facemos, creamos e nos empeñamos en traer aquí a Ribadeo ao longo do ano, deportivos, culturais, etc… que acaban redundando no comercio local”.

Suárez Barcia subliñou que “queremos contribuír con estes recursos no fomento do comercio de proximidade e non podemos esquecer os valores que representa o comercio local fronte a outros grandes competidores que agora están en Internet. Son grandes desafíos a través de Amazon e destas grandes cadeas que lle están facendo sombra a este comercio e a calquera outro do resto deste mundo globalizado. Tamén queremos que con estes recursos eles, se o teñen a ben, poidan priorizar na liña de mellora da competividade, a través da innovación e da capacitación dos seus asociados nas novas tecnoloxías para irlles plantando cara e facéndolles fronte a estes grandes xigantes do comercio e das ventas, que están moi lonxe e que ofrecen moitas cousas, pero que non teñen a cara amable nin a disposición do noso comercio local”.

Exit mobile version