Site icon Crónica3.com A Mariña

“O feito de que se acepte o plan único para os concellos proposto polo BNG é un feito histórico” dixo Ferreiro

Lugo, 8 de marzo de 2017. Xosé Ferreiro afirmou que “o feito de que se acepte o plan único para os concellos proposto polo BNG é un feito histórico que beneficiará a todas as persoas que viven nos concellos e sobre todo garantirá un finanzamento que permitirá dar servizos e acometer investimentos fundamentais para as veciñas e veciños”. Ademais Ferreiro sinalou que outra das demandas do BNG que se recolle na proposta do goberno foi o mantemento de axudas a colectivos sociais, deportivos e culturais.
Xosé Ferreiro dixo, a respecto do plan único para os concellos, que “debe ir contemplado especificamente nas bases de execución ou débese incluír o propio regulamento do plan dentro do documento do orzamento para garantir a súa aplicación ao cento por cento”. Ferreiro sinalou que “hai que seguir avanzando, este é un ano de transición e os 20 millóns de euros van en diferentes partidas pero o BNG traballará para que sexa unha única partida que garanta aos concellos a partida final que van recibir e esto lles dea seguridade”.

“A través da proposta do BNG conseguiuse que este ano a cantidade a repartir de xeito obxectivo entre os concellos será de 20 millóns de euros e non de 6 millóns como no ano 2016” afirmou Ferreiro que sinalou “no exercicio pasado houbo discrecionalidade no reparto de fondos e os gobernos municipais nunca saben cal é a cantidade que van recibir dende a Deputación”. “Non é máis diñeiro se non que se reparte doutra maneira, máis obxectiva” finalizou o voceiro nacionalista.

Mantemento de axudas a colectivos sociais, deportivos e culturais.

Outra das demandas do BNG que se recolle na proposta do goberno foi o mantemento de axudas a colectivos sociais, deportivos e culturais. “Entendemos que moitas das iniciativas postas en marcha nos pasados anos e relativas á actuación de colectivos e asociacións que traballan no eido social, deportivo e cultural transcenden moito máis aló dos límites xeográficos dos concellos e por iso apostamos por manter estas axudas, que son fundamentais para que as entidades poidan continuar o seu traballo” dixo Xosé Ferreiro.

Exit mobile version