Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo do PP solicitará en pleno que se incrementen os fondos destinados no orzamento de 2017 á mellora da rede viaria provincial

Lugo, 24 de marzo de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular pedirá no próximo pleno da Deputación, a través dunha moción, un incremento dos fondos asignados no Orzamento do ano 2017 para a mellora do conxunto da rede viaria provincial “ao considerar esta partida insuficiente tendo en conta a extensión de máis de 4.000 quilómetros dos que é titular a administración lucense, así como o estado lamentable de moitas das infraestruturas viarias”.

En concreto, os populares expoñen que a partida que o Goberno lucense destina nas contas do 2017 a atender as necesidades das estradas de titularidade provincial non “chega para darlle resposta tanto ao mantemento das infraestruturas como a novas obras”. Así, na súa iniciativa plenaria dende o Grupo do PP consideran necesario que a dotación que contemplan os orzamentos de 2017, aprobados inicialmente na sesión plenaria extraordinaria celebrada o 14 de marzo deste ano, se debe incrementar a través dos remanentes que se vaian xerando do exercicio anterior e se incorporen ás contas do 2017.

Da contía que a Deputación destina ao Plan de Estradas 3 millóns de euros destínanse a mantemento e unha contía importante está comprometida para o arranxo da estrada que une Navia coa Fonsagrada, polo que só quedaría a metade do orzamento para atender ao resto da rede, de máis de 4000 km.

Conservación das estradas, acometido primordial
A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, defende que o mantemento das estradas que vertebran o territorio lucense de titularidade da Deputación “debe de ser un dos acometidos primordiais desta entidade e máis cando moitas destas vías son o principal enlace de comunicación entre os núcleos pobacionais da provincia”.

“A Deputación é a institución responsable de realizar as labores tanto de conservación ordinarias como de mantemento da rede provincial”, precisa Candia, ao tempo que reproba que “os quilómetros de estradas de titularidade da administración provincial presentan, nunha porcentaxe moi elevada, o peor estado de conservación da súa historia”.

Xunta de Voceiros
O Grupo Provincial Popular canaliza de xeito continuado, a través dos medios dos que dispón, as solicitudes tanto de veciños como de asociacións e de entidades locais sobre a necesidade de que en vías de titularidade provincial se desenvolvan actividades tanto de conservación e mantemento como de mellora ou ampliación, segundo explica a voceira popular.

Neste senso, o Grupo do PP na súa iniciativa plenaria tamén pide a convocatoria dunha Xunta de Voceiros, para “ser escoitados e, na medida do posible, tidos en conta”, precisan, á hora de planificar as inversións en estradas tal e como se fixo no Plan Único de cooperación cos concellos do ano 2017.

Exit mobile version