Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo popular solicita a Renfe operadora que mellore a operatividade da liña ferroviaria Ferrol-Ribadeo

Santiago, 20 de marzo de 2017.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita a Renfe Operadora que traballe na mellora da operatividade da liña Ferrol-Ribadeo e tome as medidas oportunas para evitar que no futuro volvan suprimirse servizos ou rexistrarse incidencias evitables.

A iniciativa do Grupo Popular lembra recentes informacións publicadas nos medios de comunicación nas que se referían a unha serie de problemas de funcionamento da liña entre Ferrol e Ribadeo, que obrigou á cancelación dun importante número de servizos e obrigou a realizar viaxes en autobús ou taxi.

Deste xeito, o Grupo Popular demanda a Renfe Operadora a que evite no futuro este tipo de situacións, dada a importancia que para a poboación das comarcas de Ferrol e da Mariña lucense ten este medio de transporte.

SERVIZO DE CERCANÍAS E ENTRE AUTONOMÍAS

Renfe Operadora xestiona dende 2012 os antigos Ferrocarriles Españoles de Vía Estrecha, coñecidos popularmente como FEVE, que operan en diversas comunidades autónomas españolas, entre elas cunha liña entre Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco.

Esta liña, que vén ofrecendo servizos aos cidadáns da cornixa cantábrica dende 1965, ten un importante valor como elemento estruturador e de comunicación entre estas comunidades autónomas como servizo de media e longa distancia, pero tamén ten un importante valor como transporte de cercanías dentro de cada autonomía.

Exit mobile version