Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno da corporación de Foz aprobou o orzamento municipal do 2017 e desestimou a alegación ao proxecto de remodelación da Rúa Álvaro Cunqueiro. O alcalde fai unha valoración moi positiva da sesión

Foz, 31 de marzo de 2017. O corporación de Foz aprobou no pleno celebrado onte o orzamento municipal para este ano, co que fará fronte ao pago da débeda de 1.078.000 euros á empresa Gestagua. Ademais nesta sesión foi desestimada unha alegación ao proxecto de remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro e o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, espera que a contratación da obra se faga despois do verán.

Castiñeira dixo que “a valoración do goberno do Concello de Foz sobre o pleno de onte é moi positiva. Non podía ser doutra maneira, aínda que si é certo que se produciu un pouco o que se anticipaba por este goberno: as dúbidas sobre todo nun punto, que era desestimar a alegación que ía en contra do proxecto para a rúa Álvaro Cunqueiro. Esas dúbidas xurdiron por parte do Partido Socialista e do BNG, que votaron en contra de desestimala; e loxicamente nós entendemos que o obxectivo destes dous grupos era ou retrasar este proxecto ou paralizalo, que sería moi grave. Soamente a abstención de Plataforma permitiu que todo isto siga para adiante, que se desestimara esa alegación e que siga o proceso xa de próxima licitación e tamén dentro de pouco da contratación, que esperamos para despois do verán”.

O rexedor focense mostrouse “contento porque saíra adiante este asunto e tamén os orzamentos, que xa estimábamos que era moi posible que se aprobaran porque estábamos coartados pola situación da débeda coa empresa Gestagua. Comunicóuselle xa ao xulgado e a Gestagua a aprobación destes orzamentos e que unha vez que estea publicado, para o que se mandou a información hoxe, pase o período de exposición ao público e sexa aprobado definitivamente tratarase de facer efectivo ese pago de 1.078.000 euros a Gestagua”.

O alcalde de Foz asegura que “afortunadamente a boa xestión deste goberno permite que haxa solvencia en caixa para poder afrontar esa sentencia sen desestabilizar para nada as contas municipais. No próximo mes irá a pleno o uso do remanente do ano 2016, que estamos seguros de que vai sobrepasar os 1.800.000 euros, para aquelas partidas que quedaron damnificadas para facerlle oco a esta sentencia de Gestagua”.

Javier Castiñeira declarou tamén que “se ve a soidade do Partido Socialista na oposición. Das dúas mocións que presentou unha quedou desestimada cos votos en contra do Partido Popular e do BNG; foi a referida á paralización do decreto das vivendas turísticas, o cal xeraría un problema enorme de inseguridade xurídica. Por outro lado a paralización que se pedía no imposto da plusvalía, asunto que foi emendado por todos os grupos dicindo que o imposto existe e hai que adaptarse á sentencia. Hai un requirimento do Rexistro para poder adaptarse e para avisar á xente que vexa que non se lle aplicou ben o imposto que pida a reclamación baixo o procedemento. Pero loxicamente este é un imposto legal e que debe aplicarse e non paralizarse”.

Para o rexedor de Foz “esta soidade do PSOE na oposición eu creo que lle debería dar que pensar qué están facendo e quen está motivando as decisións que van contrarias aos intereses do Concello. Seguramente non sexa ningún dos concelleiros e sexa alguén que por detrás estea resarcíndose dos malos resultados electorais que tivo hai dous anos”.

Exit mobile version