Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP consegue a unanimidade da Corporación para que a Deputación de Lugo incremente os fondos destinados no orzamento de 2017 á mellora da rede viaria provincial

Lugo, 28 de marzo de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular conseguiu o apoio de toda a Corporación para incrementar os fondos asignados no Orzamento do ano 2017 para a mellora do conxunto da rede viaria provincial, tanto para conservación como de obra nova, “ao considerar esta partida insuficiente tendo en conta a extensión de máis de 4.000 quilómetros dos que é titular a administración lucense, así como o estado lamentable de moitas das infraestruturas viarias”.

Candia asegurou que “o peor ataque dos deputados do equipo de Goberno á institución se produce cando deixan os acordos plenarios en papel mollado, foran ou non adoptados pola maioría. Buscamos o consenso porque unha vez que se comprometen os votos é a mellor garantía de que vai ser realidade e así darémoslle resposta a unha necesidade real da nosa provincia. Gañaremos todos e gañaran os veciños e veciñas da provincia”, indicou.

A voceira do PP puxo en valor que se debatan asuntos “sobre os que temos competencias e apostar polas infraestruturas é unha demanda de veciños e alcaldes e ten que ser unha prioridade”. Candia recordou que as enquisas dos orzamentos participativos rebelaban que a mellora das infraestruturas é unha das principais preocupacións dos cidadáns, polo que agradecemos o apoio para garantir que se esta moción de vai cumprir. “Garantir que imos ter mellor infraestruturas á para aplaudir, polo que esperamos que non sexa un brinde ao sol e poidamos ter un bo plan de estradas para a provincia”, expuxo.

Agradecemento ao compromiso do vicepresidente
Os populares agradecen o apoio explícito do vicepresidente da institución, o socialista Manolo Martínez, coa proposta do PP na que se comprometeu a aumentar a contía dirixida á conservación de estradas e a novas obras na rede viaria provincial.

Na iniciativa plenaria aprobada hoxe o PP considera necesario que a dotación que contemplan os orzamentos de 2017 para estradas se debe incrementar a través dos remanentes que se vaian xerando do exercicio anterior e se incorporen ás contas do 2017.

Da contía que a Deputación destina ao Plan de Estradas 3 millóns de euros destínanse a mantemento e unha contía importante está comprometida para o arranxo da estrada que une Navia coa Fonsagrada, polo que só quedaría a metade do orzamento para atender ao resto da rede, de máis de 4000 km.

A proposta do PP inclúe a convocatoria dunha Xunta de Voceiros, para “ser escoitados e, na medida do posible, tidos en conta” á hora de planificar as inversións en estradas tal e como se fixo no Plan Único de cooperación cos concellos do ano 2017.

Exit mobile version