Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo critica ao goberno local, do BNG, por aprobar no pleno deste xoves a subida das taxas para os usuarios do asilo nun 11,4% e por rexeitar a moción para solicitar á Xunta a declaración de interese turístico para a Festa das Cruces

Ribadeo, 24 de marzo de 2017. O Partido Popular de Ribadeo critica ao goberno local, do BNG, por aprobar no pleno da corporación municipal celebrado onte á noite a subida das taxas para os usuarios do asilo nun 11,4 por cento e por rexeitar a moción presentada polo PP para solicitar á Xunta de Galicia a declaración de interese turístico para a Festa das Cruces, que se celebra en A Ponte (Arante).
O portavoz dos populares no Concello ribadense, Jesús López Penabad, destacou hoxe que esa sesión plenaria “foi un pouco diferente ao habitual pola cantidade de público que asistiu, o que sempre é de agradecer, pois normalmente estamos os concelleiros practicamente sós. Nesta ocasión houbo membros da plataforma en defensa do Faro e tres persoas relacionadas co accidente do tren Alvia ocorrido no ano 2013”.

En canto aos asuntos relativos ao asilo municipal, Jesús López Penabad explicou que “había dous puntos: o primeiro era o regulamento de réxime interior do asilo, no que estivemos todos de acordo porque había que ordenar as visitas e outra serie de cousas; e o segundo, no que se quedou o Bloque só, era a subida de taxas aos usuarios do asilo. Nosoutros xa o criticáramos porque parécenos abusiva unha subida dun 11,4 por cento para xente que non é a que máis recursos ten e é a máis débil. Pedímoslle ao alcalde que falara un pouco máis co resto de grupos para poder aportar outras solucións, pero el dixo que houbera tempo suficiente, que estaba na ordenanza aprobada no ano 2009 e que simplemente o aplicaba e que polo tanto ían subir esas taxas e punto. Aí quedáronse sós porque votou toda a oposición en contra e este asunto saíu adiante cos 10 votos do equipo de goberno”.

Por outra parte o portavoz do PP comentou tamén que “se eliminaron as taxas da biblioteca municipal, que eran ínfimas e agora suprímense, co que todos estivemos de acordo. Igual ocorreu co convenio con ACISA, pero aproveitamos para reclamar ao goberno local o pago en prazo das subvencións que dá o Concello de Ribadeo ás asociacións, porque os colectivos teñen uns gastos correntes anuais e os pagos das subvencións deberían ir acordes ao que está estipulado porque senón as asociacións non poden programar nin traballar”.

López Penabad engadiu que no capítulo de mocións “a primeira que se tratou foi unha do BNG en apoio á plataforma de vítimas do Alvia para facer unha asociación e pedir responsabilidades técnicas e políticas a quen tivera algo que ver no desgraciado accidente que ocorreu en xullo do 2013. Aí estivemos todos de acordo e votamos a favor”.

A continuación o portavoz dos populares salientou que a moción do PP para solicitar á Xunta de Galicia a declaración de interese turístico galego para a Festa das Cruces que se celebra en A Ponte (Arante) “foi presentada por iniciativa dos veciños da Ponte que levan a Festa das Cruces e que se propoñía era unicamente iniciar os trámites para declarar este evento con festa de interese turístico autonómico e despois instar á Xunta para que fixese esa declaración. Pois resulta que saíu a concelleira de Turismo e tenente de alcalde, Ana Martínez, que me sorprendeu moitísimo porque tivéramos unha reunión coa xefa provincial de Turismo da Xunta de Galicia, Paloma Vázquez, onde estábamos presentes Ana Martínez e máis eu e alí fixéronselle unha serie de preguntas a Paloma Vázquez, quen contestou que se podía aprobar no pleno a solicitude e despois preparar a documentación pertinente, tanto a memoria como outros asuntos que hai que acreditar para poder lograr a declaración de interese turístico. Pero no pleno de onte a concelleira de Turismo falou da historia da Festa das Cruces e despois púxose en contra da nosa proposta única e exclusivamente porque a moción non era do equipo de goberno do BNG senón do Partido Popular. Dixéronnos que a nosa moción era mediática, que interviñera o deputado autonómico Daniel Vega, que é veciño precisamente de Arante, e que non consideraban oportuno aprobar esa moción, que o farían cando eles estimaran oportuno. Aquí se ve claramente que se poñen en contra do beneficio para os veciños única e exclusivamente porque non presentaron a moción eles senón o Partido Popular. Parécenos lamentable e este tipo de actuacións rozan o total absolutismo. O resto da oposición abstívose e o Bloque pasou o seu rodillo con 10 concelleiros. Lamentámolo profundamente porque era unha iniciativa dos veciños de A Ponte e vese frustrada polo equipo de goberno e neste caso quen deu a cara foi a concelleira de Turismo, aínda que a reunión que tivéramos con ela para falar deste asunto foi totalmente cordial, dixo que o Concello ía apoiar isto e xa vemos como o apoia, á primeira de cambio votan en contra. É lamentable e indignante. Así é como actúa o equipo de goberno do BNG”.

Jesús López Penabad tamén fixo mención a “unha moción do PSOE solicitando unha pasarela no colexio Gregorio Sanz para a entrada dos alumnos desde a porta do recinto ata as instalacións do propio centro para que en días con choiva e mal tempo se poidan cubrir. Apoiámolo todos instando á Xunta de Galicia a realizar esta obra”.

Para rematar o voceiro do PP explicou que, no capítulo de rogos e preguntas do pleno, recordoulle ao equipo de goberno que “a SD Ribadeo leva desde o 2015 sen recibir a subvención municipal. Parécenos que o retraso é enorme. A SD Ribadeo ten que utilizar varios autobuses todas as semanas, ademais doutros gastos, e parécenos lamentable que leve dous anos sen cobrar a subvención do Concello, a do 2015 e a do 2016, e atopámonos no 2017. Dende o equipo de goberno din que son conscientes diso, pero non pagan”.

Exit mobile version