Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP logra, pese ao voto en contra do PSOE, aprobar unha liña de axudas en réxime de concorrencia competitiva destinada ás escolas de música da provincia

Lugo, 28 de marzo de 2017.- O Grupo Provincial do PP logrou que a Deputación aprobara unha liña específica de axudas en réxime de concorrencia competitiva destinada a subvencionar as escolas de música da provincia de Lugo dependentes dos concellos ou de colectivos sen ánimo de lucro. Os populares felicítanse de que saíse adiante a súa iniciativa, pese ao voto en contra do equipo de Goberno.

Así, o deputado popular Francisco Balado explicou que a pretensión é que os Concellos poidan compatibilizar esta liña específica de axudas co Plan Único de cooperación dos concellos do ano 2017. Demandan tamén que para levar a cabo esta liña de axudas se teña en conta desde a administración provincial os aspectos fundamentais aprobados na sesión plenaria ordinaria do 26 de xullo de 2016.

Os populares recordaron tamén que nesa sesión plenaria aprobouse “por unanimidade” a moción presentada polo Grupo Provincial Popular relativa á concesión de subvencións ás escolas de música dependentes dos Concellos da Provincia de Lugo ou de colectivos sen ánimo de lucro, na que se incluíron as diferentes emendas presentadas polo Grupo Provincial Socialista e polo Grupo Provincial do BNG ao ser aceptadas polo Grupo propoñente.

Colaboración da Xunta de Galicia
Unha das emendas do Grupo Provincial Socialista, e incluída na moción aprobada, facía referencia a solicitar á Xunta de Galicia que se comprometera a colaborar coas escolas de música dependentes dos Concellos ou de colectivos sen ánimo de lucro mediante unha liña de axudas en concorrencia.

Neste sentido, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anunciou o día 11 deste mes a inminente publicación no DOG dunha nova orde de axudas orientadas a subvencionar o funcionamento tanto das escolas de música das cales sexan titulares os concellos, como daquelas dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro.

Falta de compromiso da Deputación
Balado precisou que presentaron esta iniciativa posto “que o Goberno da Deputación Provincial de Lugo non cumpriu o acordo adoptado no seu día, xa que non puxo en marcha a liña de axudas en réxime de concorrencia competitiva destinadas a subvencionar ás escolas de música municipais ou dependentes de colectivos sen ánimo de lucro pese a existir un acordo plenario”. Lamentou ademais que hoxe o PSOE votara en contra desta iniciativa.

Exit mobile version