Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP senta as bases para que antes do verán a Deputación conte cunha proposta de regulamento orgánico que dote á institución de maior transparencia e maiores dereitos

Lugo, 27 de marzo de 2017.- O Grupo Provincial do PP conseguiu hoxe sentar as bases para que antes do verán a Deputación conte cunha proposta de regulamento orgánico que dote á institución de maior transparencia e maiores dereitos políticos. O PP deixou sobre a mesa a súa proposta de regulamento tras o compromiso do resto dos grupos de contar cun novo documento antes do véran.

A voceira do PP, Elena Candia, afirmou que se da un paso adiante. “Mostro a miña gran satisfacción porque asumamos o compromiso dunha data, sen imposición e pensando nun normal funcionamento desta institución que tanto necesita e cada vez que requiran da nosa colaboración que saiban que aquí teñen doce deputados para traballar polo que lle importa á provincia. Cada vez que lle fan caso á oposición van acertando”, engadiu.

A popular explicou que o 17 de febreiro o seu Grupo solicitou un pleno extraordinario para dar trámite a un acordo plenario do ano 2015 onde había unha petición moi clara para crear un grupo de traballo para empezar o que debería ser a modificación dun regulamento orgánico de funcionamento, “toda vez que ademais de ser necesario polas circunstancias que vivíamos naquel momento, tamén é obrigado polos cambios normativos que se foron dando nos últimos tempos”. A popular explicou que o seu Grupo ofreceu incorporar este asunto ao pleno ordinario de mañá, pero o presidente non o aceptou.

Posto que o presidente non quixo debater a proposta do PP na sesión ordinaria de mañá, os deputados populares renuncian ao cobro das dietas correspondentes ao Pleno extraordinario de hoxe.

Naquel Pleno de novembro de 2015 o PP pedía a creación dun grupo de traballo, daba un prazo de 3 meses para a creación dun anteproxecto de regulamento e púñase de data o mes de abril de 2016. No ano 16 leváronse a cabo unhas longas negociacións que remataron nun acordo de orzamentos. Por iso o presidente pediulle a este grupo que deixase ata finais do ano 2016 o debate sobre o regulamento orgánico de funcionamento.

Candia explicou que se esperou ata finais do ano 2016 para poder aprobar unhas novas normas de xogo para que lle deran un mellor funcionamento a esta institución e tamén que cumpríramos a normativa que foi sufrindo diversas modificacións, sobre todo en materia de transparencia, apostando que son as principais novidades que introduce a nosa proposta “o respecto ao dereito das minorías, garantir dereitos iguais para todos, unha mellor fiscalización na xestión da institución e apostar por solucións innovadoras en aras da transparencia”, resumiu.

Necesidade de acometer o cambio
A voceira subliña a importancia de saír do Pleno cun compromiso de que o regulamento orgánico se adapte á lei e modifique aquilo que todos sabemos, e non só porque o di o PP senón que así se reflexa nos informes e hai informes de outros departamentos desta institución, concretamente do xefe de servizo de contratación, que en novembro do ano 15 recoñecía a necesidade dunha reforma deste regulamento.

“A invitación a traballar non se fai agora, fíxose a finais do ano 2015, deixamos pasar o ano 2016 atendendo á prioridade orzamentaria e agora chegado o ano 2017 dado que non se fixo ningún tipo de paso, cremos que é o momento”, explicou.

A popular lamentou ao inicio do Pleno que non houbera ningunha proposta de ningún dos grupos políticos, “que a nosa intención era de coincidir con ela e incorporala por suposto, tampouco nos presentaron ningunha emenda”.

A proposta que defende o PP busca fundamentalmente, ademais de incorporar fórmulas innovadoras como que os alcaldes poidan formar, participar e intervir no pleno desta institución; como unha nova regulación para os consellos sectoriais; a creación dunha comisión de transparencia; un novo escenario competencial reforzando este órgano, o pleno, non debería representar ningún problema porque estamos nun escenario con minoría onde todos estamos obrigados a traballar e facer cesións por ambas partes; apostamos por unha nova regulación no control e fiscalización da acción do goberno e probablemente dun xeito moi rigoroso, que incluso ofrecemos flexibilizar se fose intención de outras forzas políticas en aras á transparencia e ao dereito á información que temos os grupos da oposición.

Exit mobile version