Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da mancomunidade valora de xeito positivo o encontro sobre o plan estratéxico de turismo celebrado hoxe en Burela

A Mariña, 7 de marzo de 2017. O presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña, Alfredo Llano, valorou de xeito positivo o encontro celebrado hoxe en Burela para presentar o Plan Estratéxico de Turismo da Deputación Provincial de Lugo.

Llano declarou que “tivemos a oportunidade de participar no IES Perdouro na presentación do Plan Estratéxico de Turismo para a provincia de Lugo. Era para toda a provincia cos aspectos que consideramos máis importantes para desenvolver, aplicar e aproveitar todas as potencialidades que ten a provincia de Lugo para ter un turismo que xere importantes recursos económicos”.

O presidente da Mancomunidade subliñou que “na Mariña estivemos participando todos os Concellos da Mancomunidade, tamén colectivos de diferente índole como turismo rural, clubs náuticos, de turismo etnográfico, cultural, etc… Houbo bastante participación, eramos aproximadamente 50 persoas no IES Perdouro, nun aula extraordinaria para facer ese tipo de eventos. Penso que se van ofrecer conclusións unha vez que se analicen as enquisas que fixemos alí con achegas do que consideramos cada un de nós mellor para potenciar o turismo en toda a provincia, pero sobre todo na zona de A Mariña. Cremos que imos ter moito que dicir neste campo”.

Alfredo Llano anunciou que “imos ter unha reunión este próximo venres, á unha e media no Concello de Burela, coa FCAM que son os representantes de todos os profesionais da hostalería e da restauración na nosa comarca. Imos intentar falar de todo isto para mellorar no que poidamos tanto a través da Mancomunidade como da FCAM e das organizacións empresariais, unha referencia turística aquí na Mariña. Imos tratar de falar para desenvolver un método e unha fórmula para que sexamos coñecidos e recoñecidos fora da provincia”.

Respecto á reunión de hoxe Alfredo Llano salientou que “foi interesante, moi participativa, todo o mundo puido aportar e polo tanto xa é un bo comezo a través deste Plan Estratéxico para que dunha maneira ou doutra se vaia consolidando unha oportunidade para ser un factor económico importante para a nosa comarca”.

Exit mobile version