Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Foz denuncia o pésimo estado no que se atopan os aseos públicos da área recreativa de San Martiño ao carón da Basílica

Foz 7-3-2017.- Ante as reiteradas queixas de veciños e visitantes e visto o caso omiso que fai o alcalde de Foz e o seu equipo de goberno aos rogos, que en numerosas ocasións o grupo municipal socialista leva feito en pleno, dende o PSdeG-PSOE vémonos na obriga de denunciar publicamente o pésimo estado no que se atopan os aseos públicos de San Mariño.

A gran admiración que esperta entre os visitantes a Basílica de San Martiño vese empañada, polo desleixo do equipo de goberno, cando teñen que utilizar os aseos, e todo por non proceder a un mantemento en bo estado dos mesmos.

O grupo municipal socialista puxo en coñecemento do equipo de goberno a situación na que se atopan e rogou que se procedese ao seu arranxo e limpeza en varias ocasións, pero caeu en saco roto.

Ante a proximidade da Semana Santa, que tantos visitantes leva a parroquia de San Martiño polas celebracións que se levan a cabo na Basílica, non é permisible que continúe a situación. E como concello turístico que é Foz tampouco se pode permitir que se repita no futuro.

Tamén solicitamos que se abran os baños que hai o longo do paseo que vai dende Foz á Pampillosa, xa que son moitos os veciños que utilizan dito paseo e non poden acceder a eles.

Por outra parte, o PSdeG-PSOE reclama que se proceda á apertura do Centro Social de Foz que leva moito tempo pechado.

Exit mobile version