Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado con gran éxito o último poemario de Iolanda Aldrei

Xavier, Iolanda, Lionel, M JoséFoz 20-3-17. Na tarde do sábado 18, o público congregado para a presentación de O segredo de Sheela na Gig, (editado polo selo Sons da Terra Verde), comezou por visitar a Basílica de San Martiño, co obxectivo de poder observar in situ o canzorro* onde aparece esculpida a antiga divindade céltica Sheela na Gig.

Malia encontrarse a devandita figura nunha parte do complexo artístico non visitábel, os responsábeis do monumento permitiron amabelmente que o público do evento literario puidese acceder á antiga horta do templo, para dese xeito, poder gozar da visión da inscultura en cuestión.

A visita fíxose baixo o maxisterio do arqueólogo André Pena Granha, doutor en Historia Antiga e arquiveiro do Concello de Narón, quen vén participando nas presentacións deste poemario para ilustrar o público sobre a presenza da figura mitolóxica de Sheela na Gig na arquitectura galega, así como das propiedades que se lle atribuíron ao longo dos séculos.

A seguir, o acto de presentación propiamente dito tivo lugar no Espazo Caritel (a poucos metros da basílica), onde Lionel Rexes –coordinador do grupo Ponte Literaria- falou sobre o compromiso literario de Iolanda Aldrei (vinculada a colectivos poéticos, organizadora de recitais, dinamizadora cultural…), da necesidade de artellar sinerxias entre escritores e tamén do contido da obra presentada.

Fixo fincapé o presentador do acto no retorno ao telurismo, ao atávico e mesmo á ancestralidade que supuxo para el a lectura de O segredo de Sheela na Gig; conceptos que a autora resolve cun substantivo que os dicionarios aínda non recollen: MATRIA.

Rematou a súa intervención o presentador lendo uns versos do poemario e afirmando que se trata dunha obra clasificábel na alta literatura.

Chegou despois a quenda da poeta da Pontenova, María José Fernández (compañeira de Iolanda Aldrei no colectivo poético A porta verde do sétimo andar), quen leu uns versos propios e gabou a sensibilidade artística de Iolanda.

Para rematar o evento de presentación, a propia autora procedeu á lectura de numerosos poemas de O segredo de Sheela na Gig, logrando aplausos emocionados e unha ovación que pechou o acto.

Durante as lecturas, o músico Xavier Ponte puxo banda sonora á poesía coa súa guitarra.

No evento estiveron presentes membros das directivas de varios colectivos culturais da comarca como A pomba do arco, Tá en artes, Mariña Patrimonio, etc.

O público presente adquiriu exemplares do poemario alí mesmo; e a partires de hoxe está á venda nas librarías.

Exit mobile version