Site icon Crónica3.com A Mariña

Tarde de goles en Murcia con 3 puntos para o Pescados Rubén

Burela 11-3-17.O Pescados Rubén Burela FS recuperou esta tarde a senda da vitoria logo de tres xornadas pouco frutíferas; sumou tres novos puntos na súa cuarta praza en casa do UCAM Murcia, nunha tarde de goles con tira e afrouxa en ambas as porterías (4-5).

As laranxas axiña neutralizaron e tomaron a iniciativa, tras a rápida vantaxe das locais, con 0-1, xa no minuto 2 de Cristina en parede con Noelia. En pouco máis dun minuto, Dany, asistida por Shiori, e Cilene, dun mísil fóra da área, facíanse donas dun luminoso de continuas idas e voltas no José María Cagigal. A pase de Judith, Elvira, no ecuador do primeiro acto, ampliou para as mariñás, tras o tanto de Carla (minuto 8) desde saque de banda. As de Lucas e Julio Delgado volveron dar un golpe de autoridade, nas zapatillas de Silvia a falta de 2 minutos para o descanso, pero o UCAM non quixo deixar escapar o Pescados Rubén; nos últimos segundos, Carla reduciu ao 3-4, desde saque de banda.

Os primeiros compases do segundo tempo seguiron o guión inicial, con acerto finalizador das locais, subindo de novo o empate, desde falta ao bordo da área. O Burela FS volveu tirar de caste para o 4-5, da maxistral Cilene, desde os doce metros. A seriedade defensiva mantivo as burelistas coa renda a recado, facendo fronte ademais ao xogo de cinco das murcianas na recta final.

Ficha técnica
UCAM Murcia FSF: Ire, Rocío, Cristina, Noelia Montoro, Claudia, cinco inicial; tamén xogaron Carla, S.Santos, Merche, J. Weckelle

Pescados Rubén-Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Shiori, Elvira, cinco inicial; tamén xogaron Silvia, Bea Mateos, Judith, Sofía, Cristina

Goles: 1-0, minuto 2, Cristina; 1-1, minuto 3, Dany; 1-2, minuto 4, Cilene; 2-2, minuto 7, Carla; 2-3, minuto 10, Elvira; 2-4, minuto 18, Silvia; 3-4, minuto 19, Carla; 4-4, minuto 22, Noelia; 4-5, minuto 27, Cilene

Árbitros: José Javier Navarro e José Ramón San Bartolomé do colexio murciano. Amoestaron con cartolina amarela a Silvia e Bea Mateos no Pescados Rubén Burela e a Noelia na UCAM.

Incidencias: Partido da 20ª xornada de Primeira División RFEF no pavillón José María Cagigal.

Exit mobile version