Site icon Crónica3.com A Mariña

Urdangarín, populismo xudicial e a mentira da democracia

Aínda fresquiña a sentencia xudicial do caso Noós debátese a opinión pública a propósito do seu contido, e semella, nestes días, que o descrédito do poder xudicial é todavía maior incluso do que o era antes.

A primeira crítica caeu sobre a laxitude das penas: 6 anos e tres meses de cárcere para o duque de Palma e a absolución da infanta xunto con outros doce acusados máis; no que respecta ó xenro do rei fiscalía pedía 19 anos e medio de prisión e a acusación particular –Manos Limpias- solicitaba 8 como cooperadora necesaria para a súa consorte.

Achegar o caramelo á boca para logo afastalo, os cidadáns por uns intres pensaron que o poder xudicial podería garantir o dereito constitucional de igualdade ante a lei. Agora da a impresión de que todo está máis enlordado se cabe e a deusa xustiza segue igual de cega.

Pero os lóstregos e tronos comezaron a caer o pasado día 24 de febreiro cando a Audiencia Provincial de Baleares denegou a medida cautelar de prisión baixo fianza para o xenro do rei. O estado de dereito estaba podrecendo.

Como se trata de opinar non quero deixar de aproveitar a oportunidade para poñer o foco sobre as dúas cuestións:

Con respecto á primeira, a da magnitude das penas, non me gustaría caer na tibieza na que ese está a manifestar gran parte da clase política –co consabido discurso do respeto ás decisións xudiciais, como se houbera outra alternativa…-. A min tamén me sabe a pouco.

No tocante á denegación da medida cautelar tan só podo dicir que é impecable dende unha perspectiva xurídica; hai que lembrar que a prisión provisional ten carácter excepcional e causas taxadas: risco de fuga ou ocultación de probas (tanto unha coma a outra non terían cabida neste suposto).

Haberá que agardar a que se esgoten todos os cauces procesuais e a que teñamos sentenza firme para ver a Iñaki Urdangarín no cárcere, en calquera caso, se a xustiza e lenta a única vacina é a dotación de medios.

Tamén, ó contrario do que é o sentir maioritario, son moderadamente optimista con respecto ó estamento xudicial: certo é que profundamente parcial e arbitrario, pero o único poder do estado mínimamente libre. Hai 20 anos foi imposible sentar a Pujol no banquillo, hoxe semella máis preto.

Pero, ó marxe de todo o exposto, penso que a veces perdemos a perspectiva e desviamos a atención do quid da cuestión: o noso sistema democrático naceu morto. O caso Noós e a exemplificación típica de como determinados grupos de poder ou familias utilizan o estado e as súas institucións. E o peor de todo, din que o fan no seu nome ou no meu, revestidos pola lexitimidade do sistema.

Exit mobile version