Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares destaca a gran participación e o ambiente desta nova edición da Festa do ourizo

Cervo, 20 de marzo de 2017.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares destacou o éxito absoluto da XXVI Festa do Ourizo que se celebrou ao longo de toda a xornada do sábado en San Cipirán, con múltiples actividades en torno a este marisco.

Así, Villares sinalou que “un ano máis revalidamos o éxito desta festa que ten o ourizo como protagonista, e boa mostra diso e que se esgotou o produto que se serviu na carpa instalada na Praza dos Campos, e os diferentes locais de hostalería de San Ciprián, traballaron sen descanso durante todo o día, chegando a servir en total, máis de 5000 racións, en toda a vila”.

O rexedor destacou que “o éxito é de todo o pobo, dende os veciños ata a hostalería, que se implica ano a ano na celebración desta festa que é xa un referente gastronómico a tódolos niveis e que, contribúe decididamente a levar o nome de Cervo e San Ciprián por toda a xeografía galega”.

Villares agradeceu tamén a colaboración e a aportación da Xunta de Galicia para a celebración desta Festa que “percibiu un extraordinario impulso cando no 2008 foi recoñecida como de Interese Turístico Galego”.

Dende o Concello de Cervo –engadiu- “seguiremos a traballar nesta liña, poñendo en valor a herdanza dos nosos antepasados, neste caso da man do ourizo, tan vinculado a San Ciprián dende sempre, “e dende hoxe mesmo xa estamos a traballar na vindeira edición desta Festa, que naceu do pobo e que forma parte, polo tanto, do noso patrimonio”.

As cifras de participación avalan un formato que, entre todos, fomos pulindo ano tras ano “e a día de hoxe cremos que estamos no bo camiño, porque, tal e como constatamos, ao longo de toda a xornada viviuse un ambiente festivo de excepción en todo San Ciprián”.

Exit mobile version