Site icon Crónica3.com A Mariña

157 ex alumnos, profesores e traballadores do complexo de Benquerencia se reecontrarán este sábado, para lembrar a época que pasaron no centro hai 40 anos

Barreiros, 28 de abril de 2017. Un total de 157 ex alumnos, profesores y traballadores do Complexo de Benquerencia, onde hai 40 anos se impartía o primeiro grao de FP na rama agraria, reuniranse mañá, 29 de abril, para recordar esa época no centro.

Da comisión organizadora forman parte Luciano Zubillaga, ex mestre, e Antonio Yáñez e César Polo, ex alumnos. Eles explicaron que “todo está preparado para acoller ás 157 persoas que imos participar. Temos cita ás doce do mediodía para a foto con todos na zona que ocupou no seu día o Complexo de Benquerencia. Despois farase unha visita á praia das Catedrais, a continuación haberá un aperitivo, a comida en La Yenka e despois teremos un pouco de baile”.

Para os organizadores “a primeira impresión é unha alegría inmensa volver xuntarse despois de 40 anos, pois hai xente que en todo este tempo non nos vimos, aínda que outros si. A xuntanza esta faise máis ben precisamente para volver unir eses lazos que había e seguir. Será un día de alegría e de festa”.
Antonio Yáñez dixo que “para min foi o mellor ano da miña vida. Non volvín vivir outra época como aquela e supoño que para a maioría tamén será así”. E César Polo declarou que “eu tiña 14 anos, saín da casa e encontreime con xente de todo Lugo. Supuxo unha certa liberdade por atoparme nun lugar novo, facer novas relacións. Algúns fins de semana íamos para a casa e outros quedabámonos no centro. A partir de aí entre moita daquela xente quedou unha amizade moi grande e aínda perduran a día de hoxe as relacións aínda que con outros foise perdendo o contacto”.

César e Antonio contaron que “isto foi xerado a través dun foro que fixo Luciano en facebook. Xuntámonos catro persoas en decembro do ano pasado e decidimos organizar todo isto. A través de facebook recuperamos outra vez os lazos con todas estas persoas. Nun principio dicíamos que se nos xuntábamos 80 estábamos satisfeitos pero somos o dobre, polo que a convocatoria é un éxito”.
A intención é que despois deste encontro se produzan outros aos que cada vez se sume máis xente: “este primeiro encontro é a base e a partir de aquí seguiremos. E se fas unha boa base a obra ten seguridade, polo que esperamos que isto teña continuidade en anos sucesivos”.
Entre os asistentes a esta cita hai persoas de Barreiros, da Fonsagrada, de Meira, Viveiro, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá, Foz, Trabada, Ribadeo e tamén do Occidente de Asturias, entre outros lugares.
O Concello barreirense colabora cos organizadores deste encontro.

Exit mobile version