Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG conmemora o 1º de maio con dúas manifestacións na provincia de Lugo

A Mariña 28-4-17. A CIG aproveitará a celebración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, para continuar coa súa campaña a prol da recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise e para reclamar a derrogación das sucesivas reformas antiobreiras. A CIG conmemorará esta data coa convocatoria de 13 mobilizacións nas principais localidades do país baixo o lema “Recuperar os nosos dereitos, derrotar as reformas”. Na Provincia de Lugo haberá dúas Manifestacións:

LUGO: ás 12:00h. con saída desde o Edificio Sindical (Ronda da Muralla)
BURELA: ás 12:00h, con saída desde diante do local da CIG, na Av. Arcadio Pardiñas, 137

Dende a CIG queremos lembrar que nos últimos oito anos os diferentes gobernos do PP e do PSOE atacaron por medio de reformas lexislativas os principais dereitos conquistados pola clase traballadora na súa historia constante de loita. Amparados na crise tomaron por asalto as nosas pensións, os dereitos laborais, os salarios, reduciron a nosa protección e cobertura sanitaria, etc. Isto fixo que hoxe a pobreza estea relacionada con traballo precario, cos contratos parciais, cos máis de dous millóns de persoas que esgotaron as prestacións por desemprego e co 32% de traballadores/as que teñen un salario inferior ao SMI: 707 euros ao mes.

Igualmente, nestes anos máis de 130.000 galegos/as, principalmente mozos/as, marcharon á emigración buscando traballo, polo que se en lugar de emigrar ficasen aquí o desemprego real superaría o 30%.
Ao mesmo tempo compre sinalar que o do Estado español é o único caso no que o total dos salarios da clase traballadora descendeu nestes últimos seis anos preto dun 11%. Mesmo en Portugal, neste mesmo período, os soldos subiron un 4,45%, mentres que en Alemaña e Francia o incremento superou o 9%. As reformas laborais conseguiron o que se propoñían, traballarmos máis e cobrarmos menos; os salarios que perdemos pasaron ás rendas do capital, persoas ricas e grandes empresarios/as, que aumentaron as súas fortunas e beneficios en máis dun 18%.

Unha vez que conseguiron roubarnos gran parte dos nosos dereitos laborais crearon novas leis represivas de seguridade cidadá (Lei Mordaza) e do Código Penal para criminalizar a resposta e mobilización da clase traballadora, porque saben que sempre conquistamos os nosos dereitos coa loita.
Consideramos importante que na actualidade o PP non teña a maioría parlamentaria, xa que así estas leis que empobrecen e condenan ao sufrimento á clase traballadora poden ser anuladas. Diante disto, chamamos ao conxunto da cidadanía a participar nas distintas mobilizacións convocadas pola CIG para o 1º de Maio.

Exit mobile version