Site icon Crónica3.com A Mariña

A comisión organizadora da feira Expomar ultima os poñentes que participarán nas xornadas técnicas os días 25 e 26 de maio

Burela, 5 de abril de 2017. A comisión organizadora da Feira Expomar mantiña unha reunión nas últimas horas para pechar o programa das xornadas técnicas que se celebrarán os días 25 e 26 de maio. A relación de poñentes estará confirmada ao completo o vindeiro luns, día 10.

O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, explicou que “estámonos reunindo con certa frecuencia para rematar o programa de charlas que se vai realizar nas xornadas técnicas. O tema está moi avanzado e o primeiro día, o xoves 25 de maio, vai tratar sobre o Brexit, os descartes e todo o que vai influír moito no futuro da pesca, polo tanto hai que estar ao tanto, debater e prepararse para actuar se fixera falta”.

Llano confirmou que “van estar de poñentes Alberto Manuel López-Asenjo García, que é o Secretario Xeral de Pesca quen xa confirmou a súa presencia, e Mercedes Rodríguez Moreda, Directora Xeral de Pesca e Innovación Tecnolóxica, que ademais é unha veciña nosa aquí da Mariña e tamén está confirmada. Agora estamos pendentes da confirmación de Xosé Manuel Sobrino Heredia que é catedrático da Universidade de A Coruña e do Instituto Universitario de Estudos Empresariais. Queremos que dea unha conferencia sobre o Brexit e a influencia na pesca da Mariña. Quere vir, pero está pendente de confirmación. Supoñemos que esta semana ou a que ven xa estará listo”.

O presidente da Fundación Expomar engadiu: “con respecto ao segundo día, o venres 26 de abril, xa temos algún dos poñentes confirmados como Julio Valeiras, que é investigador, e Ricardo Pérez, que tamén é investigador na Universidade de Vigo. Fáltanos un ou dous poñentes máis que queremos que estean o segundo día. Estamos en conversas, pero ata que se confirmen pon podemos anuncialo. O tema do segundo día é o futuro da pesca, a cadea de valor, a trazabilidade, e aqueles temas que pensamos que tamén son moi importantes para o sector, e queremos que se debatan e se estuden para chegar a conclusións”.

Alfredo Llano declarou que “os moderadores tanto para o primeiro día que vai ser María do Carme García Negro, como para a segunda xornada Pablo Fernández Asensio, xa están confirmados.”.
E insistiu en que “queremos ofrecer unhas boas charlas e bo debate para que a xente salga satisfeita do que se poida concluír porque o sector da pesca é algo que preocupa, e Expomar debe estar aí para ofrecer o mellor que se poida sacar adiante para o futuro da pesca”.

Exit mobile version