Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pomba do Arco e a Mesa pola Normalización Lingüística recollerán sinaturas no mercado de Foz en apoio ao galego

Foz 3-4-17.A Asociación A Pomba do Arco e a Mesa pola Normalización Lingüística recollerán mañá Martes no Mercado de Foz sinaturas en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística co obxectivo de garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.

A ILP pretende impulsar un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais, xa que a súa inexistencia, malia ser o galego unha lingua coofiacial en Galiza, provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos.

A iniciativa de mañá enmarcase na campaña que a Mesa pola Normalización Lingüística está levando adiante ao longo de todo o País e que pretende conseguir ao longo dos vindeiros catro meses miles de sinaturas en toda Galiza. Neste sentido desde as entidades convocantes indican que a mesa da recollida vai estar situada preto da lonxa de Foz.

A Asociación A Pomba do Arco e a Mesa pola Normalización Lingüística queren por último animar aos veciños e ás veciñas de Foz a que se pasen polo posto que habilitan no mercado de Foz para estampar a súa sinatura a prol do galego ao tempo que lembran que aqueles que non poidan acudir ao mercado e desexen estampar a súa sinatura só teñen que poñerse en contacto cos membros da entidade.

Exit mobile version