Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Galicia investiu 4,3 millóns de euros en distintas obras e servizos en beneficio das veciñas e veciños de Viveiro

Viveiro (Lugo), 25 de abril de 2017.- A Xunta de Galicia aposta por seguir impulsando iniciativas en beneficio do conxunto das das veciñas e veciños e, hoxe en particular o delegado territorial do Goberno galego en Lugo, José Manuel Balseiro, deu conta dos últimos investimentos promovidos pola administración autonómica en Viveiro.

O dirixente territorial explicou que no último ano o Goberno galego investiu nesta localidade máis de 4,3 millóns de euros, promovendo o financiamento de distintas obras de infraestruturas, en materia de emprego, nos centros educativos, en política social, no apoio de eventos culturais ou no impulso do sector pesqueiro

Así por exemplo Balseiro citou a ampliación do IES Sarmiento, (400.000€) as novas redes de auga da Rúa Rego das Flores (104.000 €), as melloras na estación de autobuses, o sostemento das prazas públicas da residencia (1,9M€) ou dos centros de discapacidade (900.000 €), o sostemento do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes (343.000 €) e distintas axudas a eventos como o festival Resurección (50.000€), entre as máis destacadas

Mellora da seguridade viaria
Balseiro fixo estas declaracións no transcurso dunha visita a Viveiro para dar conta do inicio inminente de traballos que se executarán nesta localidade co fin de incrementar a seguridade dos usuarios do paseo peonil.

Alí anunciou que a Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, acometerá nos vindeiros días dúas actuacións de mellora da seguridade viaria variante de -estrada LU-539-.

O proxecto conta cun orzamento de 42.930 euros e afectará a un tramo de 150 metros de ámbito urbano, polo que se executará un petril estético, de tipo monorraíl e tubular fabricado en aceiro. O obxectivo é ampliar os sistemas de protección para evitar que o impacto dun vehículo poida supoñer a caída a un nivel inferior por onde circulan os peóns ou ciclistas.

Por outra banda, e nun entorno próximo, concretamente na estrada LU-862 no núcleo de Covas, a Xunta actuará sobre o paso de peóns existente entre o cuartel da Garda Civil e o IES María Sarmiento.

Pasará a ser un paso sobreelevado para conseguir diminuír a velocidade de tránsito dos vehículos e mellorar a seguridade viaria dos peóns que cruzan a estrada. O custo aproximado das obras será de 4.000 euros.

O delegado explicou que con estas iniciativas a Xunta “atende as demandas dos veciños e veciñas de Viveiro, que reclamaban unha actuación para reducir os riscos neste puntos de moito tráfico e moi utilizados polos peóns”.

Exit mobile version