Un exemplo desta triste realidade é que se perdeu a Transgascogne, unha regata internacional que botou fóra de Ribadeo por non saber moverse nin querer traballar. Ademais as últimas edicións da Semana Náutica de Ribadeo foron as peores da súa historia, porque cada vez ten menos actividades e encima o presidente ten a desvergoña de dicir que a culpa é dos socios porque non participan. A Semana Náutica non funciona porque este señor non sabe organizar nin lle gusta traballar.
Os socios tamén están perdendo vantaxes que había antes, pois tiñan dúas varadas gratis ao ano e agora só dispoñen dunha. Ademais o achicado de lanchas todo o ano e unha varada anual, limpeza de barco e aplicación de patente gratis para os maiores de 65 anos tamén o suprimiu.
O evento estrela do Club Náutico, posto en marcha pola miña directiva e máis eu, que era a Cea do Socio, tamén desapareceu. Dixo que era de mal gusto, cando o que facíamos era unha celebración de unión e, por certo, vostede e os seus amigos tamén ían cear alí. Traballaba toda a miña directiva e algúns socios máis que axudaban así como as mulleres e os fillos de todos nosoutros para que vostedes comeran a mesa e mantel posto. Despois dixo que era de mal gusto, pero sen embargo cando a había ía alí comer.
Eu fun presidente do Club Náutico de Ribadeo e fíxeno Real. Esa foi unha pegada que deixei nesa entidade, da que non aspiro a volver a ser presidente. O meu momento xa pasou, pero non vou permitir que intenten rirse de nós e que digan o que non é certo.
Ramón Acuña, coa súa ineptitude e vagancia, está acabando co club e polo tanto debería dimitir xa, pero antes tería que dar contas aos socios do que está pasando realmente na entidade por culpa súa e doutros membros da actual directiva.
Mario Coto (ex presidente do Real Club Náutico de Ribadeo)