Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobadas as mocións para que a Xunta cree un Fondo de Participación Local e o Estado permita usar o superávit

pleno 2Lugo, 25 de abril de 2017. O Pleno da Deputación aprobou as dúas mocións que presentou o Goberno Provincial para que a Xunta de Galicia cree un Fondo de Participación que garanta que todos os Concellos reciban de xeito obxectivo e equitativo recursos da administración autonómica; e que o Goberno Central permita aos municipios lucenses reinvestir os 23 millóns de euros que teñen de superávit.

A Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, explicou que “dende este Goberno Provincial, defendemos que a política é o instrumento de participación cidadá na xestión do público e que as persoas que somos elixidas, de xeito directo ou indirecto, para ocupar cargos institucionais o facemos, única e exclusivamente, para representar aos cidadáns. Entendemos que a obriga dos 25 Deputados desta Corporación é defender os intereses dos lucenses na xestión dos recursos públicos desta Deputación e das restantes administracións no país. Temos a obriga de garantir que os fondos públicos de todos e cada un dos cidadáns cos que contan as institucións cheguen por igual aos veciños, vivan onde vivan, e goberne quen goberne; cuestións que algún grupo político, como demostrarei a continuación con datos oficiais e públicos, obvia”.

Neste senso, García Bermúdez apuntou que “a distribución de fondos autonómicos por parte do Partido Popular dende a Xunta de Galicia é completamente arbitraria e discriminatoria, canto menos na nosa provincia, pois só atende á cor política dos municipios”. Para facer estas declaracións, a Deputada apoiouse en documentos oficiais do Goberno galego, que se poden consultar nas seguintes ligazóns:

– “En menos de tres semanas e a poucos días das eleccións autonómicas, a Xunta de Galicia repartiu 3,1 millóns de euros a Concellos lucenses, exclusivamente, gobernados polo Partido Popular”. Páxina 2: https://goo.gl/8OcL9m (Acceso aos convenios con Outeiro de Rei de 600.000 euros; Cervo de 200.000 euros; Cospeito de 800.000 euros; Paradela de 350.000 euros; Friol de 200.000 euros; Sober de 405.000 euros ou Castro de Rei de 500.000 euros).
– “A Xunta de Galicia repartiu 11,3 millóns de euros entre 11 Concellos da provincia, dos cales 10 están gobernados polo Partido Popular, que reciben o 99,75% dos fondos. Só o 0,25% destas axudas públicos chegan a municipios de distinta cor política”. Acceso ao DOG do 3 de novembro de 2016 https://goo.gl/wAHvps

– “A Xunta de Galicia aproba un Plan Extraordinario para melloras de infraestruturas e equipamentos nos Concellos. Achega á provincia de Lugo 483.000 euros dos que 309.000 son para municipios gobernados polo Partido Popular. Isto supón, preto do 65% dos fondos”. Acceso ao DOG do 21 de marzo de 2017 https://goo.gl/YM5h74

– “A Xunta de Galicia distribúe axudas da Unión Europea para investimentos en impulso do turismo. Achega á provincia de Lugo 459.000 euros dos que 335.200 son para Concellos gobernados polo Partido Popular. É dicir, preto do 70% dos fondos. Acceso ao DOG do 28 de outubro de 2016. https://goo.gl/SQJLcO

Tras estes exemplos, a Deputada engadiu que “o que buscamos con esta moción, é esixir cambios na política de actuación do PP, comezando pola que aplican na Xunta, pois a través do Fondo de Cooperación Local só se garante, a todos os Concellos, un 1,11% do orzamento da Xunta fronte ao 23% que achega a Deputación só a través do Plan Único”.

Esta proposta saíu adiante cos votos a favor de PSOE e BNG, pois o PP votou en contra.

23 millóns de euros de superávit
Todos os Deputados aprobaron a moción do Goberno Provincial instando ao Goberno Central a permitir que os Concellos lucenses poden reinvestir os 23 millóns de euros que teñen de superávit, pois non o poden facer en base á Lei 2/2014 que aprobou o Executivo Estatal.

Exit mobile version