Site icon Crónica3.com A Mariña

As X xornadas de abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local celebraranse os días 5 e 6 de maio en Ribadeo

190417 PRESENTACIÓN XORNADAS VIOLENCIA DE XÉNERO RIBADEORibadeo, 19 de abril de 2017. Os días 5 e 6 de maio terán lugar en Ribadeo as X Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero no Ámbito Local, que este ano versarán sobre Violencias incrustadas, desigualdades a superar. O prazo de inscrición para participar estará aberto do 20 de abril ao 4 de maio. Están organizadas polo CIM do Concello de Ribadeo.

Na presentación que tivo lugar esta tarde no salón de plenos a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, dixo que “intentamos neste aniversario, xa que chegamos á décima edición, volver un pouco aos inicios, tratar aquelas temáticas e aqueles aspectos que nos parece fundamental lembrar e poñer enriba da mesa que non se esquezan, e sobre todo contar con esas persoas que nos poidan aportar algo en todos os ámbitos como fixemos anteriormente”.

A edil nacionalista explicou que “este ano trasladámolas ao mes de maio. Vanse celebrar os días 5 e 6 no Cine Teatro de Ribadeo. Son unhas xornadas totalmente gratuítas e abertas para todo o público. Quero facer fincapé en que aínda que a denominación pode parecer moi técnica e moi específica, dicir que a maior parte dos relatores que veñen sempre nos dan información, ideas e nos transmiten cousas que podemos aplicar á nosa vida cotiá”.

Álvarez Lastra invita “a todos os sectores da sociedade, a todas as persoas a título individual ou particular, que se fagan co programa, que o miren e incluso que se pasen eses días polo Cine Teatro porque seguramente hai algunhas ponencias que lles poden interesar, e sobre todo para coñecelas e ver que aínda sendo algo concreto, é asequible para todo o mundo e que nos poden aportar moitas informacións e abrirnos os ollos de por qué ocorren as cousas que ocorren e porqué vivimos nesta sociedade tan desigualitaria en moitos casos”.

A concelleira de Igualdade animou “a toda a cidadanía a que acuda. Hai un prazo de inscrición que abre mañá mesmo, 20 de abril, no Centro de Información á Muller de Ribadeo, e ata o día 4 de maio. Non quere dicir que haxa que inscribirse necesariamente. Para aquelas persoas que desexen participar en todo e recibir un diploma acreditativo é necesaria esa preinscrición, pero senón poden acudir a aquelas charlas que lles parezan mellor, das que poidan sacar máis información, ou ser máis aplicables para o desenvolvemento do seu traballo ou da súa vida cotiá”.

As temáticas que se abordarán son Uso de redes sociais e dominación masculina; A igualdade e o seu carácter transversal; As violencias machistas no século XXI; A violencia de xénero nas consultas de atención primaria; A violencia machista: unha asinatura pendente da xustiza; ¿Cántas sombras teñen as violencias feminicidas? Reflexións desde a educación; e Violencia de xénero e indumentaria. Feminismos en Oriente Medio.

A directora do CIM, Luísa Couceiro, fixo un repaso pormenorizado do programa das x Xornadas de Violencia de Xénero no Ámbito Local e subliñou que “o prato forte ao que lle chamamos conferencia maxistral, que nos vai falar das violencias machistas neste século XXI, será con Lidia Falcón O’Neill, que é abogada, escritora, xornalista e tamén ten formación en filosofía. É unha muller polifacética e activista de sempre do mundo feminista. Aínda que normalmente nós sempre criticamos que se fale da idade das mulleres, neste caso merece salientar que ten 82 anos. Creou no seu día a revista que se chamaba Vindicación de las mujeres, que segue viva, creou o partido feminista no seu día, é unha persoa vangardista no tema e unha feminista de toda a vida. Tamén sempre se centrou nos dereitos das mulleres pola súa profesión de avogada que traballou no despacho que rexentaba. A día de hoxe é articulista, escribe en varios medios, Público, El País, e ten escrito tamén algún libro. Levábamos bastantes anos detrás dela e por fin conseguimos que viñera. Parécenos que pode ser interesante, unha perspectiva dunha persoa cunha visión de tantos anos de traballo e tamén para valorar os avances e os retrocesos que está habendo. Tamén para saber qué opinión ten ela sobre temas como a maternidade subrogada e outros da actualidade”.

Por Ribadeo pasará tamén a titular do xulgado de violencia da muller de Vigo, Paz Filgueira, “unha muller que se molla si é necesario e que falará da violencia machista, unha asignatura pendente da xustiza”. Esta charla será o sábado.

Luísa Couceiro tamén destacou que “acabaremos a xornada do sábado con Nazanim Armanian, quen nos vai falar dos feminismos en Oriente Medio, de cuestións vinculadas ao noso país como o tema da indumentaria e todos estes problemas que xorden de vez en cando cando unha nena musulmana vai co velo ao centro educativo, cómo se afrontan estas situacións e si se deben afrontar así. Tamén nos dará esa visión un pouco diferente de que sempre criticamos a Oriente Medio como que aquí estamos moi avanzadas e alí moi atrasadas, cando a realidade nos di que un dos primeiros países onde se legalizou o aborto foi en Irán e non en Europa. Para que unha muller que é de alí, aínda que leva bastantes anos afincada en Madrid, nos conte un pouco cómo se vive alí o tema do feminismo e a violencia de xénero”.

No salón de plenos compareceron xunto a Mariluz Álvarez Lastra e Luísa Couceiro varias integrantes de mesa interinstitucional da violencia de xénero.

Exit mobile version