Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG e Plataforma pola defensa do tren Ferrol-Ribadeo reiteran a viabilidade do ferrocarril na Mariña

A Mariña, 27 de abril de 2017. O BNG e membros da Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo reuníronse na tarde de hoxe para analizar as propostas de futuro que poden existir para o tren na comarca da Mariña.

A Plataforma presentoulle a cargos institucionais e orgánicos nacionalistas, entre as que se atopaba a Parlamentaria Olalla Rodil, as súas propostas de actuación para promocionar e relanzar un medio de comunicación que sofre ano tras ano o abandono e a tentativa de desmantelamento por parte dos sucesivos gobernos centrais.

A modificación de horarios para adaptalos ás necesidades das veciñas e veciños, a reubicación ou construción de apeadeiros e a posta en marcha de buses lanzadeira ata o Hospital da Costa, por exemplo, son algunhas das propostas que defende a Plataforma e que desde o BNG califican como “lóxicas e sinxelas.”

“Son actuacións tan evidentes que o non facelas só se entende se o que se pretende é desmantelar o servizo”, aseguran desde a formación nacionalista. “Se existise un mínimo interese en que este medio comunicara a nosa comarca entre si e con outras, teríanse realizado estes investimentos -que son mínimos en comparanza con outros- en lugar de seguir recortando fondos nos orzamentos”, afirma Ana Ermida. “A conclusión obvia coa que saímos desta xuntanza é que as propostas para mellorar e relanzar o ferrocarril nesta comarca son tecnicamente viables, economicamente posibles e socialmente necesarias. Polo que, se non se levan á cabo é exclusivamente por unha decisión política de deixar atrás a nosa comarca. É unha cuestión de vontade política.”

Desde o BNG sinalan que é fundamental reclamar orzamento para a mellora e promoción do tren na nosa comarca e instan á Conselleira de Infraestruturas a que actúe na defensa de Galiza, esixindo cumprimentos do goberno central e poñendo ppr riba de todo a promoción do tren como un ben social.
A formación nacionalista xa defendeu no Parlamento de Galiza por boca da súa Parlamentaria Olalla Rodil, unha iniciativa na que se esixían os investimentos precisos e a transferencia da competencia sobre o tren para Galiza para poder así convertelo nun verdadeiro tren de cercanías adaptado ás necesidades do País.

Segundo o BNG, contar con un tren moderno, adaptado ás necesidades sociais e que vertebrase a comarca podería supor para A Mariña un avance fundamental para convertela nunha comarca aínda máis competitiva, tanto industrial, coma comercial, coma turisticamente. “Investir no tren sería un xeito de compensar o esquecemento absoluto no que os sucesivos gobernos centrais foron deixando á Mariña”, aseguran. “Unha comarca ben comunicada é símbolo de avance, de crecemento e de futuro. E mentras A Mariña acumula anos de retraso en infraestruturas de todo tipo -de estradas a ferrocaril, pasando polo mar- vemos como os gobernos seguen mandando diñeiro para outras zonas nas que non dubidamos que poidan facer falta, pero que non son sistematicamente esquecidas como nos pasa na Mariña”, sinalan.

Desde o BNG instan á Conselleira a que “axilice esa xuntanza con representantes dos concellos e de Feve e que serva para arrancar compromisos a respecto da modernización do tren. Do contrario, no seu debe aparecerá inevitablemente o estar empuxando un medio de transporte económico, ecolóxico e socialmente beneficioso cara o peche definitivo, condenando ao tempo a unha comarca como A Mariña a facerse competitiva en desigualdade de condicións con outras zonas”, conclúe Ana Ermida.

Exit mobile version