Site icon Crónica3.com A Mariña

Caxigueiro presenta a súa obra fotográfica nas Xornadas de Arte de Foz

O xoves 20 ás 20:30 o CENIMA de Foz acolle a terceira das conferencias das Xornadas “Sentirmos a Arte”, organizadas a asociación cultural “A Pomba do Arco” no marco do Mes das Artes Plásticas da Mariña, na que participará o artista plástico mariñán Daniel Rio “Caxigueiro”.

Daniel Rio, iniciado no mundo da cerámica da man de Sargadelos, Caxigueiro (Mondoñedo, 1955) conta cun rico universo plástico onde a instalación, a intervención de espazos específicos e a obra efémera teñen unha importante significación. A mestura de diferentes linguaxes, o interese por narrar, a importante presenza da cerámica na súa obra, xunto a unha actitude crítica e claramente periférica serven de punto de partida para achegarse a un persoal xeito de entender a arte. A súa obra destaca por unha linguaxe conceptual e minimalista enriquecendo a cerámica con outros elementos industriais ou da natureza, caracterizándose a súa obra por un fondo compromiso social e político. Na actualidade o seu obradoiro está instalado en San Martiño de Mondoñedo, conformando xunto ao xardín contiguo un espazo de arte e natureza denominado “Espazo Caritel”.

Caxigueiro, coñecido polos seus traballo no ámbito da cerámica e das instalacións, tense achegado nos últimos anos no campo da fotografía artística, sendo precisamente esta faceta da súa labor creativa a que vai dar coñecer no seu relatorio. O titulo da charla “A fotografía como xogo creativo”, explica en boa medida como o artista mariñán se foi achegando a esta nova disciplina artística ao tempo que convida á democratización dunha forma de expresión artística, onde xa conta cunha obra de relevo. A palestra irá acompaña dunha proxección e explicación dalgunhas das súas fotos, onde están presente os elementos procedentes da natureza e da cotideanidade.

As xornadas Sentirmos a Ate pecheranse o venres 21 de Abril ás 20.30 no CENIMA de Foz cun relatorio a cargo da cineasta de orixe mariña Olga Osorio , baixo o título de “O noso audiovisual.”

Exit mobile version