Site icon Crónica3.com A Mariña

Charla “Arte+Muller na Galicia contemporánea”

A Mariña 22-4-17. O observatorio da Mariña pola Igualdade participa na nova edición do Mes das Artes Plásticas da Mariña.

No marco das diversas actividades programadas durante o Mes das Artes Plásticas da Mariña, o próximo venres día 28 de abril, ás 20h terá lugar a charla “Arte+Muller na Galicia contemporánea” organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, contribuíndo así á visibilidade e achegamento á cidadanía do traballo das artistas mulleres.

Será impartida por Rosario Sarmiento Escalona, investigadora, especializada neste tema dende hai moitos anos , foi comisaria das mostras “A arte inexistente” e “Mulleres do silencio” no MARCO, Museo Arte Contemporánea de Vigo. Licenciada en Xeografía e Hª, cunha ampla traxectoria profesional na programación e xestión de proxectos culturais, participación en xurados, cursos, seminarios; colaboracións en prensa, publicacións e crítica de arte.

Ademais é membro colaboradora de:

Comité científico de Eau&Lumiere.

MAV, mujeres en las artes visuales.

IAC Instituto de Arte Contemporáneo.

AGC Asociación Galega da Crítica.

Recentemente do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.

A partir da información propomos o debate e reflexión posterior sobre os aspectos abordados na conferencia.
Unha das causas polas que a presenza das mulleres artistas parece inexistente é que foron practicamente ignoradas polos estudos da historia da arte, e é que moitas das súas obras se atribuíron a varóns coetáneos ou figuran no apartado de anónimos.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é darlle a coñecer á cidadanía, as realidades de mulleres artistas ao longo do tempo até o noso momento actual. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero foi e é unha realidade que afecta as mulleres, en cada ámbito, tamén na creación artística, sexa desde o que foi o acceso a formación como a súa visibilidade, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. Preténdese contribuír a pór en valor as achegas das mulleres aos distintos eidos da creación, destacando neste caso o traballo das mulleres nas artes plásticas.

Exit mobile version