Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. Aguirre, o modelo da lama e a morte do estado social

Estamos a vivir tempos escuros, iso sábeo calquera. Na era da dixital, da sobre información, os acontecementos concaténanse, séguense os uns aos outros e, no medio deste Matrix, desta realidade –non se sabe si virtual ou material- cadaquén intenta por a súa propia orde.

No plano doméstico un dos fitos ineludibles desta semana foi a dimisión de Esperanza Aguirre como portavoz do PP no concello de Madrid. A “dama de ferro castiza” baixou do barco de xeito voluntario alegando ostentar responsabilidade “in vigilando” con respecto aos seus colaboradores, tendo lugar esta circunstancia de xeito case coetáneo ao ingreso en prisión de Ignacio González.
En síntese, a responsabilidade política de Aguirre lévaa a dimitir porque, a pesar de ser totalmente allea aos feitos delictivos que levaron ao cárcere a Granados ou imputaron a González, cometeu un erro depositando a súa confianza neles.

Á lideresa madrileña non a cree ninguén pero a dimensión do problema é moito maior: a confianza social rachou.

O modelo político-económico español sempre tivo por base unha clase oligárquica que quería tomar as institucións para empezar a facer negocios e cumprir obrigas con aqueles que os auparon. E esta fórmula non só non entendeu de siglas –aí temos o PSOE andaluz, a EU non consello de administración de Caixa Madrid ou os “molt honorables” fillos procesados, por dicir algún sen pensalo…-, a premisa clara: chegar ó poder, baleiralo e logo pedir gratitude. Xa se sabe, si se sega unha rama da árbore caen todas as demais.

E, o peor de todo, este “modus” clientelar estendeuse á xente do común que interiorizamos que a mellor fórmula de prosperar era arrimarse sempre ao sol que máis quecese, prostituír calquera forma de ética a cambio de prebendas persoais.

Aquí estamos, hoxe e agora, nunha sociedade na que non se pode cumprir a lei –aínda que algúns teñan esa vontade-. Non pode facerse, entre outras razóns, porque se o poder xudicial gozara de certa independencia, en aplicación –entre outras- da Lei de Partidos Políticos (Lei 6/2002 de 27 de xuño) habería que empezar a disolver unha parte importante destes.

O artigo 10 da citada lei contempla as causas de suspensión ou disolución xudicial dos partidos e fixa a posibilidade de proceder á mesma nos seguintes supostos:

-Cando incorran en casos tipificados como asociación ilícita no Código Penal.
-Cando se vulnere de forma reiterada e continuada e grave os principios democráticos ou persigan deteriorar ou destruír o réxime de liberdades. Xulguen vostedes mesmos.

Non quixera pechar este espazo sen establecer unha relación de causalidade entre o panorama descrito e a problemática actual: no día de onte a ANPA do Colexio Virxe do Carme de Burela –onde un servidor tivo a oportunidade de estudar- puxo en coñecemento da opinión pública as denuncias feitas dende fai anos á Xefatura Provincial de Educación e ás autoridades públicas competentes. A calada por resposta e unhas instalacións obsoletas, humidades e rompas que incumpren as medidas de seguridade.

Tan só é un exemplo, un coma outro calquera, coñecen vostedes moitos máis. Si a constitución é un verdadeiro contrato social a súa parte dogmática –a relativa aos dereitos fundamentais- debe de estar blindada e ser absolutamente innegociable. Sensu contratrio, tarde ou cedo, acabarán ardendo as rúas.

Exit mobile version