Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. Fin de trimestre

Hoxe, día 20 de abril de 2017, remata o prazo para o cumprimento das obrigas tributarias de todos os actores da actividade privada no noso país: todo o noso tecido empresarial constituído -segundo o propio Ministerio de Industria- no seu 99,9% por autónomos, pequenas e medianas empresas.

Por esta precisa razón semella que no retrato que a continuación se describe moitos poidan verse debuxados; xente que acumula papeis e chamadas, que ten que alternar a loita cotián polo pan seu de cada día e simultaneala coas facturas, libros de contabilidade, infinitas chamadas, domiciliacións bancarias e ingresos a conta…

Prazos, estres, as xestorías que viven a súa propia paixón particular na Semana Santa e os contribuíntes que viven o seu propio síndrome de Estocolmo coa administración, e xa aprenderon ambos a vivir convivir co risco perenne de crucifixión.

Modelos varios 111, 115, 303, 130…. se as obrigas fiscais fosen un obxecto de consumo -coma os teléfonos móbiles- o seu cumprimento sería sinxelo e intuitivo -coma os propios smartphones-. Como se trata precisamente diso –obrigas- o único camiño para estar ao tanto é o do calvario.

Pobre artigo de opinión aquel que describe o cotián e recorre aos máis trillados tópicos; lonxe de iluminar a ninguén sirva esta queixa para facer suma: o traballo é o habitual campo de batalla, e a loita, lonxe de rematar no diario tracto mercantil, segue a librarse coa administración. Facenda moitas veces aperta e moitas afoga e a fiscalidade, lonxe de cumprir unha finalidade redistributiva, é claramente desproporcionada e regresiva. El pan nuestro de cada día.

Acaba o trimestre, comeza a campaña da Renda e a vida segue; bombas que caen sobre Afganistán, misís en Siria, a fame segue a condenar a continentes enteiros e o ex-presidente da Comunidade de Madrid é detido por unha trama de corrupción: novos tempos, vellas historias.

Tan vello coma todos os problemas anteriores é antigo conto dos sectores da economía de mercado privilexiados polo estado: os bancos. En España, despois da aprobación do real decreto que regulaba a reclamación extraxudicial das cláusulas de chan das hipotecas, as entidades bancarias están comezando a dar contestación; con respecto a isto dúas conclusións deben quedar definitivamente claras:
-Se a banca tivera a intención de devolver todos os cartos o tería feito de inmediato.
-Estanse ofertando acordos transaccionais con renuncia de acción. Se temos algo de memoria deberamos lembrarnos de ler antes de asinar.

Hoxe, día 20 de abril, moita xente seguirá loitando contra unha economía deprimida, contra os privilexios da banca e os monopolios, contra a facenda pública, contra a guerra e a fame, contra a inxustiza e contra os seus propios demos…

Días duros, poucos folgos pero unha obriga: asumir a nosa escravitude fronte ao “sistema” e non deixar de pórlle un sorriso á adversidade para poder construír un mundo mellor.

Exit mobile version