Site icon Crónica3.com A Mariña

CxG elixe a Xoán Bascuas como Presidente

Compostela 25-4-17. Esta pasada fin de semana Compromiso por Galicia pechou o proceso de reinicio que comezou o pasado 21 de xaneiro coa celebración do seu Congreso Nacional, e fíxoo coa elección do Presidente do partido.

Como era público só Xoán Bascuas presentara a súa candidatura para ser elixido. Este sábado día 22 de abril, produciuse a votación nas distintas agrupacións de Compromiso espalladas polo País. O 97% dos afiliados que exerceron o seu dereito fixérono cun voto favorable á candidatura de Bascuas, e o 3% restante preferiron absterse.

Nas súas primeira declaracións, xa como Presidente do partido, Bascuas sinalou que “estou o servizo en calquera posto no que me sinta reclamado. O partido agora pídeme que traballe nesta área e así o farei. Porén desde xa traballaremos todos coa vista posta nas municipais, cita de importancia vital para a organización”.

Nesta nova andaina a dirección do partido encargaralle a Xoán Bascuas a creación e posta en marcha dunha fundación que veña a pechar a estrutura organizativa de Compromiso por Galicia. O Secretario Xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro, apuntou que” este é un paso máis para chegar o Compromiso que todos queremos, de seguro que Bascuas fará un bo traballo nas tarefas que se lle encomenden”.

Exit mobile version