Site icon Crónica3.com A Mariña

“En galego consola”. Campaña normalizadora do Colexio Martínez Otero

engalegoconsola_alumnadoFoz 18-4-17. En Foz, cando algo nos gusta ou agrada moito, dicimos que nos consola. De aí o nome que dá título a esta campaña normalizadora, levada adiante polo alumnado de 1º da ESO do Colexio Martínez Otero de Foz.

Con esta acción, pretendemos levar a cabo a visibilización do galego nun ámbito do común, de todos os días, como son os menús e as cartas das cafetarías e dos restaurantes. Así, todos os establecementos focenses, que se sumen á nosa campaña, contarán coa axuda dun nutrido grupo de alumnos que, coordinados polo profesorado de lingua galega, colocarán a carta ou menú en galego de maneira totalmente gratuíta. A nosa recompensa é ter o galego canda nós na mesa.

Os establecementos que se adhiran a esta campaña teranse que comprometer a ter esta carta visible en todo momento no seu local. Ademais, acompañarán esta nova carta en galego coa imaxe da campaña.
Así, nestas vacacións de Semana Santa, o alumnado, dividido en catro grupos, percorreu os distintos establecementos de Foz para achegarlle aos donos dos locais as ideas desta campaña. O resultado non podería ser máis satisfactorio posto que, a día de hoxe, xa son 34 os locais que se adheriron á campaña “En galego consola”. Ademais, estase á espera de confirmar unha ducia máis de bares e cafetarías da nosa vila.

Lembramos, asemade, que se un local quere adherirse a esta iniciativa só ten que poñerse en contacto cos coordinadores do proxecto. Pode facelo do seguinte xeito:
● Enviando un correo electrónico a: ogalegoconsola@gmail.com
● Chamando ao teléfono do Colexio: 982 140 028 (luns a venres en horario escolar).

Exit mobile version