Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves foi presentado en Burela un díptico informativo sobre os mosteiros e conventos da Mariña

060417 Foto diptico conventos e mosteirosBurela, 6 de abril de 2017. Esta mañá foi presentado un díptico informativo sobre os mosteiros e conventos de A Mariña. Na presentación, que tiña lugar no IES Perdouro, estiveron presentes o autor, Antonio Niñe, o director do centro, Santiago Pérez, e o presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña, Alfredo Llano.

Llano manifestou que “desde a Mancomunidade a nosa pretensión é darlle valor a todo canto temos aquí na Mariña en todos os aspectos. Estamos potenciando o turismo, as infraestruturas, e tamén nos parece moi importante promocionar a información e divulgación dos conventos e mosteiros da comarca”.

O presidente da Mancomunidade salientou que “existe gran variedade de mosteiros e conventos que lle dan un valor singular á nosa comarca. Poden ser o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, o Mosteiro de Santa María do Campo de Ribadeo, a Basílica de San Martiño de Mondoñedo en Foz, o Convento de Valdeflores de Viveiro ou o Mosteiro de San Miguel de O Vicedo”.

Alfredo Llano declarou que “nosoutros queremos dar oportunidade a aquela xente que sexa estudosa ou que dalgún xeito lle poida interesar o tema do patrimonio como poden ser estes mosteiros polo seu valor histórico, artístico, social, cultural ou relixioso. Penso que é unha boa oportunidade para que se acheguen e gocen da comarca da Mariña e ao mesmo tempo poidan apreciar estes mosteiros e conventos”.
O presidente da Mancomunidade manifestou que “agora se vai facer unha distribución en todos os concellos da Mariña. Imos facer sobre 2.000 dípticos para poder informar a toda aquela xente que teña preocupación por este tema. Penso que é unha boa iniciativa. Antonio Niñe, que é o seu autor, fixo un bo traballo que nosoutros valoramos. Tamén queremos, a través deste medio, difundir este tema que pode ser moi atractivo, moi valorado e desde logo que é moi singular aquí na Mariña”.

Exit mobile version