Site icon Crónica3.com A Mariña

Ler, un acto de rebeldía. No día do libro

Seguramente sempre o foi, un acto de rebeldía, o acto de ler. Hoxe falamos de como o é neste tempo, hoxe en día.

Ler, ler un libro no formato que sexa, unha obra de narrativa, poesía, teatro ou ensaio, require de nós dedicación exclusiva; mentres lemos dedicamos toda a nosa atención á lectura, só facemos unha cousa, ler —hoxe en día iso é un acto de rebeldía. Normalmente lemos por pracer ou por curiosidade, ou por ámbalas dúas cousas á vez, sen perseguir ningún outro resultado inmediato que o de gozar e de aprender cousas case sempre inútiles no sentido práctico —iso hoxe en día é un acto de rebeldía. Ler crea un espazo íntimo, supón estar sos nós e o libro, sen atender a chamadas, pitidos dos móbiles, mensaxes das redes sociais, avisos de correos, só nós vivindo en solitario as emocións e pensamentos que a lectura nos provoca —isto hoxe en día é un acto de rebeldía. Ao ler non podemos reaccionar de xeito inmediato cunha acción, non podemos premer un botón no libro e mandar ao ar mediático as nosas impresións, pensamentos, cabreos ou contentos, non queda outra que roelos, amasalos na cachola, darlles voltas, e logo, se queremos, buscar o xeito de compartilos, unha vez madurados —isto hoxe en día é un acto de rebeldía. Ao ler podemos achegarnos a pensadores e creadoras que non fan ruído mediático, que non nos asaltan nas redes nada máis abrir os nosos aparellos tecnolóxicos, que non nos aparvan con mensaxes trillados, que non nos queren máis tontas, podemos mesmo achegarnos a escritoras e escritores que hai moitos anos ou moitos séculos que deixaron a súa excelente mensaxe que hoxe aínda é tan nova coma no momento de ser escrita —isto hoxe en día é un acto de rebeldía.

Se ademais lemos en formato papel a rebeldía é case extrema, porque nos aferramos ao físico, ao tacto, ao olor, á cor non cambiante nin cambiable, ao negro sobre branco, nun mundo que nos leva coma unha grande e fortísima corrente cara ao virtual, a todo tipo de accións e transaccións mediatizadas por un aparello. Aferrámonos á pobre e infinitamente suxestiva materia.

O día 23 de abril celébrase en todo o mundo o día do libro.
Rebelémonos pois, e leamos.

Exit mobile version