Site icon Crónica3.com A Mariña

Marta Míguez destaca “a importancia da igualdade nun deporte plural e sen xénero” na recepción aos 83 campións e campioas de españa da provincia de Lugo

Lugo, 25 de abril de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, recibiu no serán de hoxe aos 83 campións e campioas de España naturais da provincia de Lugo. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico felicitou a estes 83 deportistas polos seus éxitos nos que “ademais de moito traballo, esforzo, constancia e adestramento, hai unha cualidade que non pode pasar desapercibida: a igualdade”. Deste xeito, a secretaria xeral referiuse ao feito de que dos 83 campionatos de España colleitados na provincia de Lugo, “máis da metade” ata un total de 43 “foron apañados por mulleres”. Nesta liña, a titular de Deporte apuntou que “a igualdade é o principal obxectivo que promovemos constantemente desde a Secretaría Xeral porque cremos nun deporte plural, sen xénero, de todos e para todas”. “Ao final tanto ten quen gaña a medalla de ouro, nos nosos homes e nas nosas mulleres o selo galego é inconfundible”, engadiu.

Tras as recepcións levadas a cabo a semana pasada aos deportistas das áreas de Vigo, Pontevedra e Ourense, Marta Míguez valorou os éxitos acadados na provincia lucense que converten a estes deportistas en “referentes, exemplos a seguir en xeracións máis novas que ven en vós espírito de superación, perseveranza, constancia, resiliencia e, en definitiva, a vontade de ser mellores cada día”. Ademais, Marta Míguez cualificou aos campións e campioas da provincia de Lugo como “orgullo para toda a sociedade galega”. “Sodes os mellores nas vosas disciplinas nun país de 46 millóns de habitantes”, engadiu.

A titular do Deporte galego quixo felicitar tamén aos familiares, amigos e adestradores e a todas aquelas persoas “que vos acompañan no camiño da excelencia competitiva”.

Os 83 campionatos de España de deportistas da provincia de Lugo foron acadados en deportes representados polas federacións de atletismo (5), automobilismo, baloncesto (2), bolos, boxeo, deporte adaptado, fútbol sala (17), kickboxing (2), loita (2), orientación (3), pesca (2), taekwondo (5), tiro olímpico (4) ou tríatlon (37).

Exit mobile version