Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG conmemora o 29 de abril o 40 aniversario da I marcha antinuclear de Xove

A Mariña, 22 de abril de 2017. O Bloque Nacionalista Galego organiza na Mariña actos de conmemoración, 40 anos despois, da I Marcha Antinuclear de Xove, que se celebrou o 10 de abril do 1977.

A responsábel comarcal, Ana Ermida, sinala que “non podíamos deixar acabar o mes de abril sen ter un recordo especial para todas as mulleres e homes que en pleno postfranquismo amosaron a súa dignidade e, mobilizadas polo nacionalismo galego, foron quen de frear a construción dunha central nuclear no concello de Xove.”

Os actos, nos que tomará parte a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, realizaranse o vindeiro sábado 29 de abril a partir do mediodía. Darán comezo, ás 12:30 da mañá, co descubrimento dunha placa conmemorativa no lugar de Ceranzos, na parroquia de Xuances, onde se instalaría a central e que máis protagonismo tivo nas mobilizacións.

Os actos continuarán pola tarde, coa inauguración na aula da biblioteca municipal de Viveiro ás 6 da tarde dunha mostra de material daquelas mobilizacións, que “van máis alá da propia marcha do ano 77; xa que os actos comezaron anos antes, tanto na Mariña coma en Lugo, e proseguiron non só coa segunda marcha do ano 79, senón ata que se desbota o proxecto polo ano 82”, explican desde o BNG.

Desde a formación nacionalista manifestan que con estes actos, que pretenden reproducir os lugares que tiveron maior protagonismo nas mobilizacións de hai corenta anos. “Queremos poñer en valor a dignidade e a valentía de todas as persoas que foron quen de organizarse e loitar xuntas contra a inxustiza que goberno e eléctricas pretendían consumar. Queremos recoñecer o paso adiante que deron esas persoas e organizacións que defenderon a Terra diante das presións, amosando que a unión da xente fronte ás inxustizas pode acadar froitos e vencer o que se dá por consumado.”

“É fundamental coñecer estes capítulos da nosa historia como País, que amosan a dignidade dun Pobo, e que nos permiten comprender tamén a situación actual. Temos que lograr que a xente máis nova coñeza as loitas que viviron as súas veciñas e veciños e que sintan orgullo do que un Pobo organizado pode conseguir”, conclúe Ana Ermida.

Exit mobile version