Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que o goberno provincial ocultou o expediente de adxudicación das Rutas Fluviais a TRAGSA

Lugo, 27 de abril de 2017. A lei é clara e di textualmente tanto no ROF e no propio regulamento da Deputación que o acceso á información dos deputados é ilimitado e este terá que concederse no prazo de 5 días naturais. No caso de non contestación á solicitude, esta terá efectos estimatorios. Sen embargo, a solicitude de consulta e copia feita polo voceiro do BNG o 31 de marzo do expediente de concesión a TRAGSA da xestión da Rutas Fluviais non foi atendida ata o 20 de abril, 20 días despois de facer a solicitude da copia. “Dende o BNG sospeitamos que o obxectivo é tapar as posíbeis irregularidades cometidas na adxudicación a TRAGSA e que non se puidera recorrer en prazo a decisión administrativa”, afirmou o deputado do BNG.

“Resulta aínda máis escandaloso cando o día 11 de abril, que foi cando se permitiu unicamente a consultar do expediente, as copias xa estaban feitas e listas para a súa entrega, pero dende Presidencia impediron a súa entrega, esixindo que o BNG fixera unha segunda solicitude, retrasando así o estudo outros 10 días ”, manifestou o voceiro do BNG e engadiu “dende o BNG estamos a estudar todas as actuacións posíbeis, non descartando ningunha neste momento. O que si temos claro é que non imos permitir que se nos siga ocultando e retrasando información, vulnerando os nosos dereitos fundamentais como deputados”.

Esta forma de actuar por parte do goberno xa non é nova, pois xa no mes de decembro cando se estaban a negociar os orzamentos, tardouse un mes e medio en entregar o listado de subvencións que recibira cada concello no ano 2016, tamén cunha clara intención de ocultar os repartos sectarios que se fixeran dende o pacto PP-PSOE. Neste caso, a data de elaboración que tiña o informe era de un mes antes de que fora entregado, o que tamén indicaba unha clara intención de retrasar a información por parte de presidencia.

Parece ademais unha auténtica provocación que isto ocorrese precisamente a continuación de que os votos do BNG impedisen os cambios no regulamento que propoñía o Partido Popular. De seguir nesta liña, será o BNG o que terá que estudar a posibilidade de propor ao Pleno cambios puntuais nos artigos que regulan o acceso á información e que impidan que estas actuacións poidan ser repetidas por calquera goberno, sexa da color que sexa.

REGULAMENTO DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DAS ENTIDADES LOCAIS

Artigo 14.
1.Todos os membros das Corporacións Locais teñen dereito a obter do Alcalde ou Presidente ou da Comisión de Goberno cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función.
2.A petición de acceso ás informacións entenderase concedida por silencio administrativo no caso de que o Presidente ou a Comisión de Goberno non diten resolución ou acordo denegatorio no termo de cinco días, a contar desde a data de solicitude.
3.En todo caso, a denegación do acceso á documentación informativa haberá de facerse a través de resolución ou acordo motivado.

REGULAMENTO DA DEPUTACIÓN
Artigo 19.A petición de información ha de ser concreta e específica, non xenérica nin indeterminada, e compatible co normal desenvolvemento dos servizos provinciais. A solicitude dirixida á Presidencia, deberá reunir os requisitos anteriores, e deberá de ser resolta motivadamente no prazo de cinco días a contar dende a data de solicitude. Se no devandito prazo non se produce resolución expresa, entenderase concedida por silencio administrativo, sen que en ningún caso se entendan adquiridos por silencio máis dereitos que os que se poden adquirir por resolución expresa.

Xosé Ferreiro Fernández, como deputado e voceiro do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Lugo, e enderezo electrónico xose.ferreiro@deputacionlugo.org e grupoprovincialbng@deputacionlugo.org,

EXPÓN:

Que para o noso traballo como deputados do Grupo do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Lugo, e tal como a propia lei e regulamento orgánico contemplan, resúltanos necesario e imprescindíbel consultar e/ou obter copia da información que a continuación se relaciona:
-Copia do expediente completo que levou a que a empresa TRAGSA se fixera cargo do servizo de catamaráns no Canón do Sil e Río Miño.
Por todo iso, e en nome do Grupo do BNG na Deputación de Lugo,

SOLICITA:

Que se nos facilite, no menor prazo de tempo posible, copia da información antes referida.
Nota: A entrega da documentación solicitada pode facerse, se así o consideran oportuno, por correo electrónico, no enderezos que figuran no encabezado da solicitude

En Lugo, a 31 de marzo de 2017

Asdo.: Xosé Ferreiro Fernández
Voceiro do BNG na Deputación de Lugo

Á DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO

Xosé Ferreiro Fernández, como deputado e voceiro do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Lugo, e enderezo electrónico xose.ferreiro@deputacionlugo.org e grupoprovincialbng@deputacionlugo.org,

EXPÓN:

-Que no día de hoxe procedemos a consultar o expediente completo que levou a que a empresa TRAGSA se fixera cargo do servizo de catamaráns no Canón do Sil e Río Miño.
-Que aínda existindo xa unha copia, se nos comunicou que necesitabamos facer unha segunda solicitude por escrito para obter unha copia impresa de parte do citado expediente.
-Que para o noso traballo de control e fiscalización como deputados do Grupo do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Lugo resúltanos necesario e imprescindíbel obter copia da información que a continuación se relaciona:
•Encomenda a TRAGSA do Expediente orixinal do Mantemento e Funcionamento dos Embarcadoiros e Embarcacións.
•Contrato menor M2-M3, con número de expediente CMP2017/000085, do servizo de cultura.
•Informe completo de intervención, no caso de existir, sobre esta encomenda.
Por todo iso, e en nome do Grupo do BNG na Deputación de Lugo,

SOLICITA:

Que se nos facilite, no menor prazo de tempo posible, copia da información antes referida.
Nota: A entrega da documentación solicitada pode facerse, se así o consideran oportuno, por correo electrónico, no enderezos que figuran no encabezado da solicitude
En Lugo, a 11 de abril de 2017

Asdo.: Xosé Ferreiro Fernández
Voceiro do BNG na Deputación de Lugo

Á DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO
Servizo de Secretaría Xeral
(Para o seu traslado ao/s servizo/s que corresponda)

Exit mobile version