Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo aboa as axudas aos beneficiarios das subvencións dirixidas a colaborar na rehabilitación de vivendas

axudas_mondoñedoMondoñedo, 21 de abril de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, fixo entrega esta mañá dos cheques aos beneficiarios das axudas xestionadas polo Goberno local dirixidas a subvencionar obras de mantemento e intervención en edificacións do conxunto histórico e dos barrios de San Lázaro e Os Muíños.

Esta liña de axudas da área de Rehabilitación do Concello de Mondoñedo desenvólvese anualmente no marco do convenio subscrito entre a administración local, o Ministerio de Fomento, que achega os fondos, e máis o Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia.

En concreto, na edición número 14 deste convenio, e que vén de pagar o Concello de Mondoñedo, encargado de xestionar e tramitar as axudas, colaborouse economicamente cun total de 22 actuacións, que afectaron principalmente a fachadas e cubertas. O importe total das achegas foi de 93.484,10 euros.

Elena Candia considera moi importante este convenio, xa que entende que é de imperiosa necesidade manter en bo estado o casco urbano da cidade e, neste eido, anima a seguir investindo “no noso patrimonio”

Así, o Concello de Mondoñedo xa aprobou a convocatoria do presente ano, cuxas bases aparecerán publicadas nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia.

Exit mobile version