Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo promove un encontro literario con debate para conmemorar o Día do Libro

Mondoñedo, 22 de abril de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, cursou os pasados días unha invitación ás asociacións, centro sociocomunitario, IES San Rosendo, CEIP Álvaro Cunqueiro, Hospital de San Pablo, Residencia San Rafael e a todos os veciños e veciñas da localidade para que participen mañá na celebración do Día do Libro.

A actividade organizada polo Goberno local desenvolverase mañá domingo a partir das once da mañá na Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero. Elena Candia fai un convite a que todos e todas os que decidan participar acudan co exemplar dun libro co obxectivo de comentar e compartir o seu contido co resto dos asistentes establecemento posteriormente un debate.

A rexedora pídelles a todas as asociacións, colectivos e veciños e veciñas que se animen a forma parte do Club de Lectura para conmemorar o Día do Libro e poder afondar así na obra daqueles autores que os participantes queiran compartir co resto de asistentes.

“Trátase dunha xornada literaria e tamén lúdica coa que pretendemos reivindicar a importancia da lectura e a cultura, onde os escritores mindonienses sempre tiveron un papel destacado”, resume.

Exit mobile version